As firmas interesadas acudiron esta mañá ao edificio cos técnicos municipais para coñecer o estado do inmoble e as súas necesidades de cara a converterse no futuro Centro de Ocio Xuvenil
O futuro Centro de Ocio Xuvenil aspira a converterse nun lugar de encontro para a
mocidade da nosa vila, ofrecendo espazos para temas académicos, de aprendizaxe e de xogo, moi centrado nas novas tecnoloxías. Nestes momentos, as obras de remodelación do espazo en base ao proxecto aprobado están en proceso de licitación. Cinco empresas mostraron interese en concurrir a este concurso e acudiron ata as instalacións acompañados dos técnicos municipais. A inversión total da remodelación, da que se beneficiará tanto a planta baixa como o soto do inmoble, é de 397.939,91 euros.
Esta inversión realizarase con cargo ao remanente de Tesourería e axudará a adaptar as actuais instalacións, que datan de 1993 e ocupan case 1.700 metros cadrados. O soto será destinado ao Arquivo municipal, que estará mellor catalogado e conservado, e contará cunha entrada única.
Contará cunha zona de recepción propia xunto ás escaleiras existentes e prevese a instalación dun ascensor para facilitar tanto o acceso peonil como o traslado de cargas pesadas ao arquivo.
No que respecta á planta baixa, a día de hoxe existe unha distribución con usos como cafetaría, sala de baile, ximnasio e piscina. Con este proxecto, readaptarase esa distribución para poder crear un amplo vestíbulo multiusos, unha sala de traballo e estudo, unha sala de informática e unha sala de xogos e descanso.
Cando remate a licitación, a Mesa de Contratación adxudicará a obra á oferta máis vantaxosa para despois poder iniciar a execución.