“O Concello de Bueu, mentres enche a boca falando da OMIC, deberá pagar 5.000 euros atrasados a unha traballadora do servizo”, afirmou.

“Aquel goberno que nos vendía as súas bondades en materia laboral recibe outro revés xurídico que ten tamén intereses de demora”, criticou. 

O concelleiro non adscrito do Concello de Bueu, Daniel Chapela, criticou “un novo ataque do goberno de Félix Juncal contra os dereitos laborais, cun Concello condenado pola xustiza e cunha cidadanía que ten que volver abrir a carteira para asumir os custos da falta de criterio do BNG local”. Fíxoo tras facerse público que “o Concello de Bueu, cos cartos de todos nós, deberá pagar case 500 euros de demora a unha traballadora municipal do servizo da OMIC, despois de, ilegalmente, non abonarlle 4.550€ que lle correspondían”. Ademais, o edil matizou que “é probable que esa contía de demora se multiplique varias veces, tendo en conta as resolucións de alcaldía no ano 2024 para este mesmo asunto”. 

Así, o edil preguntouse “como Félix Juncal pode encher a boca falando dos traballadores e dos seus dereitos cando, constantemente, vulneran a normativa laboral”. Chapela, quen se referiu tamén “ao caso dunha traballadora do servizo de limpeza da parroquia de Beluso, á que o Concello non lle facilitou a conciliación até que terminou condenado xudicialmente”, criticou, ademais, que esta vulneración se produza “contra unha traballadora do servizo da Oficina Municipal de Información ao Consumidor”. “Resulta irónico e incluso grotesco que o alcalde que sempre presume da OMIC obrigue a unha traballadora do servizo a recorrer á xustiza para obter parte do salario ao que ten dereito legalmente”, indicou. 

Dese xeito, o concelleiro preguntouse “por que Juncal non asume do seu peto os cartos que o Concello perde pola súa xestión claramente neglixente”, mentres subliñaba que “as persoas responsables en materia de persoal deberían ser tamén cesadas dos seus postos, por manter durante anos prácticas que van claramente en contra dos traballadores municipais”. “Despois teremos que ver o BNG enarborando a bandeira dos traballadores, cando todos os días van contra eles”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *