O edil pregúntase “que fan cos cartos no goberno de Félix Juncal, para ter déficit e non investir un duro na mellora da nosa vila”.

“Aprobouse o orzamento totalmente tarde e, aínda así, demóstrase unha vez máis que Xosé Leal está inhabilitado para xestionar Facenda e Juncal para gobernar”, indicou. 

Os orzamentos do Concello de Bueu para o ano 2025 non son aínda un capítulo pechado a ollos de Daniel Chapela, concelleiro non adscrito do Concello de Bueu, quen censurou no día de onte que “o resultado do orzamento sexa de -271.219 euros”, unha cifra que cualificou de “patética”, tendo en conta que “Bueu aprobou os orzamentos co ano practicamente acabado”. Dese xeito, Chapela preguntouse “para que lle estamos pagando un soldo a Xosé Leal, edil de Facenda, se non sabe facer as contas nin cando as fai fóra de prazo”. “É coma se un rapaz entrega unha tarefa un ano tarde e, aínda por riba, saca un 3”, ironizou. 

Así, o edil, que se preguntou “onde están os orzamentos do 2026, que tiñan que estar aprobados hai máis de mes e medio”, criticou “a ineficacia e inutilidade do concelleiro de Facenda, quen semella que cobra por ir quentar o sillón e non por traballar para e por Bueu”. “Cómpre preguntarse como podemos ter, despois de que nos vendan un orzamento récord, un déficit desas cifras, así como en que se investiron os cartos de todos e todas nós, pois Bueu non mellorou o máis mínimo durante ese ano”, afirmou. 

Chapela, ao tempo que cuestionou “un desgoberno de Félix Juncal que ten a Bueu na parálise máis absoluta”, anunciou que “ante a ausencia de orzamentos, vou presentar unha batería de propostas presupostarias para este ano e para o 2027, para darlle a Bueu o futuro que de verdade merece, lonxe de partidos e de postureos”. “Quen non saben presentar as contas en tempo e forma, cadrar resultados e gobernar para a inmensa maioría non están capacitados para seguir á fronte do noso municipio”, concluíu. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *