O edil critica que “se vulnerou o dereito a que os cidadáns poidan asistir a unha Asemblea”, ao tempo que recordou que “cando Gestido ou Juncal foron investidos alcaldes, había xente de pé pero non importou, porque lle ían facer a ‘ola’”
O edil non adscrito do Concello de Bueu, Daniel Chapela, censurou á saída da Asemblea da Mancomunidade de Concellos do Morrazo “a absoluta submisión do alcalde de Bueu, Félix Juncal, á decisión das alcaldesas de Cangas do Morrazo e Moaña de cara á suba da taxa do lixo”, ao que aludiu preguntándose se “o soldo llo paga o BNG ou llo pagamos os veciños de Bueu”. Así, o edil cualificou como “un voto contra Bueu o dos representantes do BNG e PSdeG”, censurando que “mentres o PSOE de Moaña non respaldou a proposta, Isabel Quintás e Celso Dopazo decidiron traizoar os votos que recibiron para impoñer un taxazo”.
Chapela, que falou na Asemblea tanto como comerciante como como veciño da aldea de Meiro, criticou que “a nova ordenanza fai que un veciño que vive moi lonxe dos contedores, grazas ao voto de Juncal e os seus, vai pagar igual ca o resto”, mentres censurou que “Bueu non pinta nada na Mancomunidade, froito da incapacidade do goberno local de facer o seu traballo”. “Desde o meu punto de vista, o alcalde de Bueu débese a todos os veciños, non ao que lle digan as alcaldesas do resto de concellos”, afirmou, ao tempo que afirmou, de forma imperativa, “Félix Juncal debería presentar hoxe mesmo a súa dimisión, pois é incapaz de defender os intereses dos veciños”. “É evidente que o BNG desconectou da realidade e que xa non defenden o que pensa a maioría dos bueueses”, indicou, polo que salientou que “se o alcalde e os seus concelleiros non son capaces de servir aos intereses dos veciños, o camiño é coller porta”.
Ademais, Chapela ofreceu “asesoramento a todos os veciños e comerciantes que queiran presentar alegacións no prazo correspondente”, indicando que “como representante público, eses gastos correrán do meu peto, para intentar impedir un taxazo que pon en risco a negocios e postos de traballo”.