O edil non adscrito esixe a dimisión do edil de Facenda, Xosé Leal, ante “unha mostra máis da súa ineptitude”

“Presumir de ter o orzamento máis elevado da historia cando estamos nunha situación de déficit no pasado ano é unha mostra máis da hiprocrisía do goberno de Juncal”, afirmou.

O edil non adscrito do Concello de Bueu, Daniel Chapela, censurou no día de onte “as reaccións do goberno local ante a situación económica da nosa vila”, unha circunstancia que el mesmo adiantara en declaracións a este medio o 16 de febreiro. Así, o edil criticou a necesidade de aprobar un plan económico-financieiro bianual, unha medida que chega “despois de que o concello do BNG gastase máis do que ingresou”. “Cómpre que se nos aclare para que temos un edil de Facenda incapaz de cumprir coas súas funcións, tendo en conta que cobra un soldo de todos os bueueses e á vista está que non sabe facer o seu traballo”, afirmou, antes de esixir que “ou ben o señor Leal abandone as súas funcións, ou ben Félix Juncal o cese”.

Dese xeito, Chapela aludiu a que “non pode seguir á fronte da área de Facenda quen non é quen de facer o seu traballo dunha forma minimamente decente”. “Bueu gasta máis do que ingresa, carece de orzamentos para este ano e ten facturas do ano anterior sen pagar aínda”, expuxo, penalizando que “se trouxeron os orzamentos a finais do ano 2025 para ser supostamente un reflexo da realidade, e o único que quedou claro é que Félix Juncal e Xosé Leal non están sabendo xestionar as contas públicas”. 

Xa que logo, o non adscrito solicitou “un cambio á fronte da área de Facenda e un xeito de traballar axustado á realidade de Bueu”. “É intolerable que esteamos perdendo cartos mentres Bueu está claramente descoidado”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *