O alcalde de Vilaboa faise eco da preocupación traslada á Alcaldía por parte do sector hosteleiro do municipio
O Concello de Vilaboa solicita á Xunta de Galicia, administración con competencias delegadas en materia de Turismo, que lidere a regulación das Vivendas de Uso Turístico de xeito que as obligacións esixibles sexan similares en todo o territorio galego.
César Poza, alcalde de Vilaboa, faise eco así dunha preocupación trasladada á Alcaldía por parte do sector hoteleiro do municipio que demanda do Concello a inspección das 51 vivendas de uso turístico dadas de alta no Rexistro da Xunta.
O alcalde de Vilaboa defende que a falla dunha lexislación clara e aplicable a todos os municipios galegos ten efectos negativos tanto para as administracións locais que carecen de recursos para realizar inspeccións eficientes en cuestións que sobrepasan as súas competencias como para as persoas propietarias de vivendas que deciden achegarse a este modelo aloxativo que se encontran nunha situación de inseguridade xurídica.
“Deixando aparte a situación das cidades, non ten sentido algún que se derive aos Concellos a responsabilidade de esixir o cumprimento de determinados requisitos, como a súa alta no rexistro de actividades económicas, cando o Decreto da Xunta define ás VUTs como unidades residenciais”. Engade que a proliferacións de vivendas vacacionais nos últimos anos xerou sentencias que “deberían ser incorporadas ao Decreto da Xunta; e ese mesmo criterio debería consensuarse con Facenda”. Para César Poza é a administración autonómica quen ter que decidir, en primeiro lugar, se “son vivendas ou son empresas e trasladar con claridade ese criterio ao Decreto que regula as diferentes modalidades aloxativas.
“Como aconteceu no pasado con outros sectores, é necesario consensuar unha regulación na que todas as persoas propietarias dunha vivenda en Galicia teñan os mesmos dereitos e as mesmas obrigas, porque a actual falta de definición sobrecarga aos concellos pequenos de responsabilidades e sitúa aos cidadáns nunha absoluta indefensión”, conclúe César Poza.