O alcalde electo, primeiro socialista en acadar unha maioría absoluta no pobo, tivo na súa intervención palabras de sinceiro agradecemento a todo o pobo pola confianza recibida
Nun abarrotado salón de plenos tivo lugar o acto de investidura de César Poza como primeiro alcalde socialista do municipio en acadar unha maioría absoluta; un fito histórico que carga de responsabilidade ao novo equipo de goberno, que hoxe asume o mandato das urnas con humildade e co agradecemento permanente ao pobo de Vilaboa pola confianza na xestión de César Poza.
“Non hai maior orgullo que ser alcalde do teu pobo e eu hoxe podo dicilo ben alto e ben grande, son alcalde de Vilaboa”, así comezaba César Poza unha intervención breve pero cargada de emotividade, na que recordou que chegou á Alcaldía “case de casualidade, cousas da vida, pero aquí seguirei, continuando o meu camiño co apoio maioritario dos vilaboeses, coa forza de poder ter un goberno con capacidade plena, maioría por certo, que non penso usar como un arma senón que será a ferramenta para gobernar para todas e todos os vilaboeses”.
Poza aproveito o acto de investidura para facer un novo guiño á oposición e convidalos a realizar conxuntamente un traballo ventaxoso para Vilaboa. “Como dixo Ivy Taylor, primeira muller negra alcaldesa de San Antonio en Texas, “anque teñamos diferentes perspectivas, sempre poderemos encontrar un terreo común no noso compromiso de servicio público”. Nesta liña engadiu que “o que me coñece sabe que non son persoa de protagonismos nin de personalismos, senón de chegar a acordos e consensos, é por iso que manteño a man aberta os diferentes grupos da oposición para chegar a entendementos sempre polo ben de Vilaboa. Este vai ser un goberno forte, que ten as ideas claras, un tren a toda máquina que vai seguir o seu camiño con paso firme, si, pero escoitando a todas e todos, e que vai gobernar sempre sen mirar a quen vota cada un”.
César Poza botou a mirada atrás para recordar que “foron case tres anos duros, complicados, cunha pandemia, unha guerra, pero cando se teñen as ideas claras e sobre todo ilusión por levalas a cabo, o traballo o final dá os seus froitos”. E falou tamén de futuro ao adiantar que esta lexistura será a que “sente as bases da futura Vilaboa, onde se desenrole o plan xeral na súa totalidade, se comece a senda do litoral e se melloren os servicios do noso concello entre outras moitas cousas. Vilaboa ten que crecer e con este goberno esa vai ser a nosa máxima prioridade”.
No remate da súa intervención o novo alcalde agradeceu de novo o apoio da xente de Vilaboa, cunha mención especial “ao meus compañeiros de candidatura, que fixeron que esta campaña fose sobre todo unha festa; ao meu equipo de goberno, os que estaban e os que chegan, así como tamén o meu sincero agradecemento os que se foron. E por ultimo quero darlle as gracias a miña familia por aguantarme, o meu avó que estaría mais que orgulloso e como non a Lupe, polo seu apoio incondicional, todo o meu amor e cariño para eles».