Hoxe haberá verbena e mañá será o propio día da rapa, na que, tal e como explican desde a Asociación Cabalar Monte Gagán, participarán aloitadores locais e de distintos puntos de Galicia e de España
O espectacular Parque de Lagocheiras, da Comunidade de Montes de San Xulián, encherase esta fin de semana coa chegada da súa Rapa das Bestas, na que se espera que participen máis de 90 cabalos e aloitadores tanto de Marín como de distintas partes de Galicia e de España.
As actividades foron presentadas no parque esta mañá pola Asociación Cabalar Monte Gagán e os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos. Arrancarán xa o sábado, día 9, ben tempraniño, ás 08.30 horas, coa quedada no curro para ir ao monte a xuntar ás bestas. Para cear, haberá porco ao espeto a prezo popular para despois, a partir das 23.00 horas, gozar da verbena co Trío Rever e a disco móbil
Dolce Vita.
O domingo 10, a partir das 12.00 horas, farase a saída do cierre coas bestas cara ao curro. Ao chegar, comezarase coa separación das potras. E xa ás 17.00 horas, comezará a tradicional rapa das bestas. Desde a comisión avisan de que haberá servizo de bar para comer e un sorteo ás 20.00 horas.