O Concello de Cangas, acolléndose ao dereito de presentar propostas con motivo da negociación entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para a renovación do convenio entre ambas as entidades destinado a realizar programas de atención e protección da saúde para o ano 2021, propón que a administración autonómica asuma o custo dos profesionais e servizos sanitarios da Rede Asistencias de Condutas Aditivas que prestan os departamentos dependentes dos Concellos para «ordenar a atención» e que dependa de Saúde Mental do Sergas.
«Tendo en conta a necesidade de reducir a crecente carga económica que están a asumir os Concellos polo mantemento da Rede Asistencial de Condutas Aditivas e considerando a necesidade de asegurar a continuidade da prestación dos Servizos que atenden a máis de 13.000 persoas en Galicia, ante as dificultades para cubrir o importante número de baixas por xubilación previstas a curto e medio prazo nas unidades de toda Galicia», xustifican dende o Concello de Cangas.
A alcaldesa e concelleira de Sanidade, Victoria Portas, está convencida da necesidade de modificar o convenio para a realización de programas de atención e protección da saúde para o ano 2021 ben mediante a adición dunha nova cláusula decimo quinta ou ben mediante a adición dun novo apartado na cláusula terceira relativa as obrigas da Administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia non se dispoña que durante o período de vixencia do presente Convenio a Administración sanitaria da Xunta cubrirá con persoal do Servizo Galego de Saúde as baixas definitivas do persoal das unidades municipais adscritas a Rede Asistencial de Condutas Aditivas. Esta cobertura determinará a redución proporcional da contía do convenio.