O Concello de Bueu recibiu este xoves a visita de Francisco José Nogueira Balbi, que é bisneto de Miguel Nogueira Fraguas, quen fora alcalde de Bueu ao longo de varios períodos dos séculos XIX e XX.
Nogueira Balbi reuniuse con Félix Juncal, alcalde da vila, e con outros concelleiros e concelleiras do grupo do goberno, cos que compartiu as súas lembranzas de Bueu, vila que está visitando estes días despois de trinta anos e á que intentará volver no futuro. Natural de La Paz- Entre Ríos, no país arxentino, Nogueira Balbi exerce como médico especializado en psiquiatría infanto xuvenil e estivo na localidade bueuesa para coñecer as raíces do seu bisavó porque “un constrúe o futuro afianzando o pasado e a súa historia”.
O seu bisavó, Miguel Nogueira Fraguas, foi alcalde de Bueu en 1894, 1897, 1912 e 1920, e o irmán del, tamén doou o terreo no que actualmente se asenta a Biblioteca Municipal Torrente Ballester. Ademais, a casa familiar situábase na zona de A Graña. Nogueira Balbi recoñece que “Bueu é un lugar fermoso e moi cambiado dende que viñera hai trinta anos”. Sobre a visita ao Concello confesa que “comparto as mesmas preocupacións ca o alcalde de Bueu, porque a sociedade require cada vez máis cousas dos municipios pero os recursos non os temos”. El ten moito coñecemento do que supón gobernar, porque tamén foi alcalde da súa cidade en tres períodos e concelleiro outras tantas.