Pratos elaborados co polbo de Bueu.

O Concello de Bueu, a través da concellaría de promoción económica e turismo,
convoca unha reunión coa hostalaría para a organización das Xornadas de Exaltación do
Polbo. O encontro terá lugar o vindeiro martes, 3 de outubro, ás 10:00 horas, no salón
de plenos da Casa Consistorial, e anímase a toda a hostalaría da vila a asistir para
estudar e debater este evento, que se levará a cabo en substitución da Festa do Polbo que
non se celebrou en agosto.

Como xa se informara hai uns meses, despois dunha vintena de edicións, dende o
Concello e a Confraría creuse necesario valorar o seu impacto e buscar un novo formato
de festa gastronómica que pasa por desestacionalizala, aínda que tendo, como era
habitual, o polbo como protagonista. Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo,
concelleira de promoción económica e turismo, aseguran que “algo que está no ADN da
festa é garantir que poña en valor un produto tan noso como o Polbo de Bueu, e tamén
que permita que tanto a Confraría como as persoas que viven do mar sexan as principais
beneficiarias”.

Outro dos eixes principais sobre os que continuará pivotando a festa é que contará
cunha programación para degustar o polbo en todas as variantes, tanto a veciñanza da
vila bueuesa como as persoas visitantes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *