Veciños recollendo os composteiros estes días.

O Concello de Bueu repartiu este venres un total de vinte e catro composteiros individuais (COIN) entre a veciñanza da vila que os solicitara. Paula Casal, mestra composteira do ente supramunicipal, foi a encargada de facer o reparto no Centro Social do Mar, onde explicou o funcionamento destes recipientes de reciclaxe. No acto tamén estivo presente Isabel Quintás, concelleira da área de xestión de residuos, así como o responsable da empresa concesionaria do servizo de mantemento dos centros de compostaxe comunitaria.

Os composteiros entregados hoxe foron adquiridos, como vén sendo habitual durante este ano, con cargo á subvención concedida con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Entre os obxectivos que se pretenden acadar están tratamento por compostaxe da fracción orgánica producida nas vivendas, así como reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel, e prover dos materiais necesarios para implantar o tratamento ‘in situ’.

Así búscase que cada vez unha maior poboación se adhira a este sistema. Por iso lémbrase á cidadanía interesada que se poderán seguir solicitando composteiros de balde, a través dun formulario web dende a web municipal ou enviando un correo electrónico a compostaxe@concellodebueu.gal .

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *