A corporación municipal de Bueu celebrou este martes, 30 de novembro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobaron definitivamente os Orzamentos Xerais do Concello correspondentes ao ano 2021, unha proposta que contou cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB), en contra do PP e a ausencia do PSOE. O documento aprobárase provisionalmente hai un mes e logo publicouse no BOPPO, tras o que houbo un período de exposición pública durante o que se presentaron oito alegacións por parte do grupo municipal do PP, persoal municipal, sindicatos, e veciñanza.
Baseándose no informe do Interventor, o Concello desestimou as alegacións ao non cumprir cos motivos recollidos na lei. Félix Juncal, alcalde da vila, salientou na sesión plenaria deste martes que “somos o único concello da comarca que non ten débeda financeira, polo que algo estaremos facendo ben”. Elena Estévez, voceira do PP, recriminoulle ao goberno local que “un documento tan importante se traia xusto cando está a piques de rematar o ano, o que demostra falta de previsión”, contra o que Juncal apuntou que se trata dunhas contas “que se aproban agora por prudencia, para ter o máximo de información e que os orzamentos se axusten á realidade”.
No pleno tamén se aprobou o cadro de persoal deste ano, sobre o que o rexedor apuntou que “na última década avanzamos moito na mellora das condicións laborais do persoal municipal que tratamos sempre nas mesas xerais de negociación, e que culminarán coa posta en marcha da Relación de Postos de Traballo (RPT), recentemente aprobada”.
O orzamento, que entrará en vigor cando se publique o anuncio no BOPPO, ascende a 6.575.000 € no capítulo de gastos, e 6.623.301 euros na parte de ingresos. Así, nos gastos inclúense persoal, compras correntes de bens e servizos, intereses, transferencias correntes, investimentos reais, transferencias de capital, pasivos financeiros, e amortización de préstamos. Mentres, na parte de ingresos atópanse diversos impostos e taxas municipais, así como subvencións doutras administracións como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Pontevedra. Polo tanto, e segundo remarcou o alcalde, estes orzamentos son bos e os necesarios para Bueu, pois reflicten un incremento das políticas sociais para a cidadanía.