O evento arrancará ás 10.30 horas dende a contorna da Casa Consistorial e as inscricións teñen un prezo de 10 €
O Concello de Bueu e a Asociación de Parkinson da Provincia de Pontevedra organizan, coa colaboración da Facultade de Fisioterapia da Uvigo, o 11 de abril a primeira Andaina Solidaria co Párkinson, na que se proporá un percorrido circular de tres quilómetros pola senda do río Bispo. A ruta arrancará ás 10.30 horas na Casa do Concello e rematará no mesmo lugar onde se lerá un manifesto con motivo do Día Mundial do Parkinson. para concienciar sobre esta enfermidade neurodexenerativa que afecta a millóns de persoas.
Este luns tivo lugar a rolda de prensa de presentación do evento, na que participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Carmen García, concelleira de cultura, Xosé Leal, edil de Facenda, Begoña Cerqueiro, presidenta da Asociación de Parkinson da Provincia de Pontevedra, ademais de Jacobo Sineiro, fisioterapeuta do colectivo e Kaly Fernández, secretaria.
Segundo salientan dende o colectivo, “esta actividade xurdiu con motivo do Día Mundial do Parkinson para visibilizar esta enfermidade, e o obxectivo é continuar en vindeiros anos”.
As persoas que desexen participar poderán inscribirse a través dun formulario dende a web www.parkinsonpontevedra.org cun prezo de 10 euros e no que haberá que indicar o nome e apelidos, o teléfono e o talle de camiseta. O pagamento realizarase por Bizum ao 13312 con aviso por whatsapp ao 647421254. O dorsal e a camiseta poderanse recoller de varias formas: ou ben de luns a venres na sede da asociación en Bueu, na Antiga Casa do Mar, en horario de 9:00 a 13:30 horas ata o 9 de abril; o 10 de abril na Praza de Ourense de Pontevedra de 11.00 a 19.00 horas, ou o mesmo día da andaina, de 10.00 a 10.30 horas no Concello de Bueu.
