Obras de conexión no cruce con Jaime Janer.

Esta obra forma parte do proxecto de Augas de Galicia para mellorar todo o saneamento desde o entorno do Sequelo ata o centro urbano, unha actuación esencial para a mellora medioambiental da ría e o correcto funcionamento dos servizos públicos municipais

O Concello de Marín informou esta mañá do avance e situación dalgunhas das obras máis relevantes que se están a executar no municipio nestes momentos.

Por unha banda, están a avanzar a bo ritmo os traballos de conexión do colector e a estación de bombeo do Río Lameira co colector xeral que transcorre pola Avenida de Ourense.

Tal e como explica a alcaldesa, María Ramallo, “esta actuación forma parte da obra de mellora integral do saneamento que está levando a cabo Augas de Galicia e que engloba tanto a renovación do colector do Río Lameira como a súa conexión á rede, a través do colector xeral”.

A alcaldesa explica que “xusto neste momento están coincidindo na Avenida de Ourense dúas obras: da que estamos a falar a nivel de servizos e a humanización da beirarrúa contraria, que non ten nada que ver”. Ramallo explica que son “dúas actuacións independentes”, pero ambas “moi necesarias para mellorar a nosa principal avenida”.

No que respecta á conexión do colector do Lameira co xeral, as obras avanzan a moi bo ritmo “e cremos que a fi nais desta semana poderán ter feita a conexión completa, e, por tanto, rematar esta parte do proxecto”. Por outro lado, na obra do

Ministerio que se está a executar na outra beirarrúa, os técnicos informan de que se están realizando os cruces da futura glorieta, para logo poder iniciar a creación da mesma.
Prórroga de tres meses de prazo para o Auditorio

Asemade, este xoves haberá un Pleno extraordinario no que, entre outros asuntos, será tratada a ampliación de tres meses de prazo para a empresa que está executando as obras do Auditorio.

Trátase dunha ampliación “totalmente habitual en calquera obra, tanto pública como privada, e incluso máis nunha de tanta envergadura como esta”, explicou o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, durante unha comisión celebrada esta mañá.

“Estes tres meses serven para equilibrar os períodos de atraso que se foron acumulando na obra. Neste caso, a aprobación da ampliación ten que ir a Pleno polo importe total da obra”, detallou o edil, que reincidiu en que se trata dunha ampliación “moi común” en calquera proxecto construtivo.

Ademais, paralelamente estase licitando a dotación de subminitro eléctrico ao edifi cio. O prazo de presentación de ofertas, tal e como se extrae do Perfi l do Contratante, está aberto ata este xoves.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *