Alternativa dos Veciños de Cangas (AV) envía un comunicado pedindo o cese do actual xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, «despois das graves declaracións» vertidas polo responsable da sanidade nesta zona tras o encontro que mantivo coa alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido. «Unha vez máis acredítase que aquí o problema non é a falta de cesión de terreos nin tampouco de falla de diálogo co equipo de goberno anterior senón que está todo planificado pensando no desmantelamento da sanidade pública», manifestan.
Xustifican esta petición lembrando que «o centro de saúde de Aldán – O Hío a pesar de que o Concello cedeu os terreos e existiu un proxecto para a construción do Centro de Saúde, en ningún momento houbo intención por parte do goberno da Xunta de levalo adiante».
En calquera caso, enganden, «para que Javier Puente non teña escusas AV seguirá mantendo a proposta de elaborar un plan especial ou unha modificación puntual da NN.SS seguindo a liña que xa votaron a favor no Pleno tanto o PSOE como ACE para que nos terreos de A Rúa se poida promover necesariamente o Centro de Alta Resolución (CAR) que tanto necesita Cangas e o Morrazo».
Para AV, «resulta evidente que todo este proceso non se vai poder seguir con garantías se non se cesa de forma inmediata a un cargo político como Javier Puente despois das súas manifestacións e posicionamento absolutamente contrarios aos intereses sanitarios de Cangas e do Morrazo».
Posicionamento do actual goberno local
Tamén demandan saber «cal é o posicionamento do Goberno local sobre este tema tan importante para Cangas xa que no último pleno da anterior corporación o BNG votou en contra da proposta para a consecución dos terreos e dende as eleccións municipais non temos claro cal é a súa posición xa que non o manifestaron».