Isto deixa no aire a investidura da nacionalista no pleno de mañá. O desacordo estivo na repartición de liberacións
BNG, PSdeG e EU asinaron esta tarde, en torno ás sete, o pacto de investidura da nacionalista Araceli Gestido. Alternativa dos Veciños (AV) comunicou na reunión que o comité negociador mantivo esta mañá que non participará e deixa no aire o seu apoio a Gestido no pleno de mañá. Así o trasladou a Morrazo Noticias o portavoz da mesa de negociación, o nacionalista Oliver Álvarez, quen lembrou que se AV non vota a favor de Araceli (podería absterse ou votarse a si mesma), en Cangas gobernará o PP. En principio, Alternativa estaría polo labor de apoiar a investidura de Araceli, tal e como manifestou ata o momento, pero isto podería variar dende hoxe a mañá.
Segundo Álvarez, o problema xurdiu esta mañá cando se tratou o asunto das liberacións, cuestión que din tratar tendo en conta a proporcionalidade en relación á representación de cada partido. Alternativa solicita unha dedicación exclusiva para a súa concelleira, a actual alcaldesa Victoria Portas, pero o resto de partidos veo «inviable» economicamente «dada a situación monetaria do Concello» e só ofrécelle media. «Trasládannos que a asemblea que celebraron onte non lle deu permiso para aceptar a media dedicación exclusiva», explicou. Aínda así, transmite que a actitude de AV «non foi en ningún momento de nin de abandonar a mesa nin de enfado», simplemente que hoxe non se van a sumar á firma de hoxe do pacto de investidura.
Concellerías e liberacións
Tendo en conta esta situación actual, con tres grupos políticos participando no goberno local, a repartición de dedicacións quedarían da seguinte forma: 2 liberacións totais e a alcaldía para o BNG, 1 para o PSdeG e 1/2 para EU. En canto ás responsabilidades de cada un:
Áreas municipais asignadas ao BNG: Alcaldía; Muller e Igualdade; Normalización Lingüística, Participación, Transparencia e Atención Veciñal; Facenda e Persoal, Promoción Económica, Turismo e Mocidade; Urbanismo e Vivenda; Medio Ambiente; Benestar e Ensino.
Áreas municipais asignadas ao PSdeG: Deporte; Obras, Servizos e Movilidad; Seguridade Cidadá e Tráfico.
Áreas Municipais asignadas a EU: Cultura e Patrimonio.
Se finalmente Araceli Gestido resultase investida alcaldesa porque AV votase a favor da nacionalista, as catro forzas da esquerda de Cangas aínda dispoñerían de varias semanas para sentar a negociar e tratar de chegar a un pacto de goberno conxunto de catro, o que supoñería unha variación na repartición de concellerías para incluír a AV.