«Auturuxos ao Son da Ría» chega á súa novena edición. Unha cita obrigada para todos os amantes do baile e da música tradicional en Cangas que pretende ser unha referencia dentro do ámbito da tradición galega levando a cabo unha serie de actuacións ao aire libre onde os asistentes poden gozar das formacións participantes de forma gratuíta.
As dúas principais ideas do «Auturuxos ao Son da Ría» son as de promover a tradición galega dentro de Cangas ofrecendo distintos bailes e músicas por parte de diferentes agrupacións aos que se lle dá unha oportunidade para mostrarse diante dos veciños e dos visitantes.
Superadas as restricións polo Covid-19, esta edición volve á súa idea orixinal de encher as prazas e rúas de Cangas. Este ano tamén en distintas parroquias, Ou Hío e Aldán.
Programación
O programa deste ano comezará hoxe a partir das 21:00 horas cunha concentración nos Xardins do Sinal das Escolas do grupo folclórico País de San Roque, Lembranzas da Ría, Ximalveira e Peis D´hos. A continuación terán lugar as actuacións nas diferentes localizacións elixidas.
Lembranzas da Ría farano na Praza das Pontes, Ximalveira na da Constitución, Peis D´hos en Méndez Núñez e Pais de San Roque nos Xardins do Sinal.
Xa o venres 22 de xullo ás 21:00 horas Peis D´hos e Pais de San Roque farano na Alameda de Aldán. Ao día seguinte, á mesma hora, Ximalveira e Lembranzas estarán no Adro do Hío. O venres 29, o folklore estará na Praza da Constitución e das Pontes con Peis d´hos e Ximalveira e como peche desta edicion, o sábado 30, no mesmo lugar, actuarán Pais de San Roque e Lembranzas.