As empregadas do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) de Moaña, lideradas pola CIG, comezaron unha folga indefinida para mostrar o seu rexeitamento ao convenio colectivo que pretenden asinar CCOO e UXT. Aseguran que este acordo non lles beneficia porque inclúe unhas subidas de soldo anuais moi por baixo do IPC e, ademais, recolle dúas escalas salariais que, a xuízo destas traballadoras, supoñen unha discriminación entre o persoal dos diferentes concellos dependendo da data de licitación do contrato coa empresa concesionaria. En Moaña estas traballadoras terían que esperar dous anos e medio á nova licitación para poder recibir o incremento asinado do 3 por cento. Por este motivo, o 90 por dento das 54 empregadas deste servizo concentranse dende onte ás portas do Concello moañés para esixir igualdade.
A presidenta do comité de empresa, Julia Rodríguez, recoñecía a Morrazo Noticias as dificultades que están a ter para cumprir os servizos mínimos pola inacción da empresa para elaborar un programa de mínimos coordinado con aquelas empregadas que non quixeron sumarse á mobilización. «Estamos a cumprir todos os servizos mínimos nos domicilios como a alimentación, o aseo persoal, a medicación e o cambio de cueiros á conta de que non podamos estar todas na folga», lamentaba a dirixente sindical, que agradece o apoio que están tido por parte das familias a pesar de que é difícil respectar os horarios e de que non foron informadas da situación nin por parte da empresa nin do Concello, cuxa responsabilidade é velar polo cumplimento do contrato. «As familias están moi enfadadas coa empresa», expresou.
Esta mobilización do SAF está a levarse a cabo en toda a comunidade galega, aínda que non en todos os municipios ten o mesmo seguimento.