A alcaldesa, María Ramallo, presidiu esta mañá a Xunta de Portavoces que convocou a semana pasada para trasladar aos representantes dos grupos da Corporación municipal as novidades en torno á execución das obras do Centro Socio Cultural. As obras iniciáronse no último trimestre de 2022, coa execución das catas iniciais e as primeiras escavacións. Ante o inicio das escavacións, presentáronse dúas situacións. No que respecta ao nivel da auga, apareceu de xeito máis superficial do que inicialmente estaba previsto no estudo xeotécnico que se levou a cabo antes de iniciar as obras.
Isto supón, tal e como trasladan os técnicos, complicacións á hora de executar a parte do soto do edificio, que albergaría apenas 12 prazas de estacionamento para uso de artistas. Por tanto, á espera de ter toda a documentación técnica lista, o Goberno local considera razonable prescindir deste soto para poder manter o ritmo de execución da edificación. Ademais, desde a empresa notificaron a necesidade de propoñer unha alternativa nunha parte da cimentación. Isto prodúcese porque apareceron nas excavacións restos dunha escollera, que obrigan a prantexar unha cimentación a base de micropilotes. En ambos casos, tal e como indicaron desde o Goberno local, estamos ante coxunturas propias dunha obra deste calado nun espazo cercano ao mar.
O que está asegurado é que esta situación non afectará aos prazos de execución das obras, xa que a empresa seguirá traballando seguindo o plan de obra inicialmente previsto. A alcaldesa adiantou que na Xunta de Portavoces chegouse ao acordo de que se lles facilitará a documentación sobre este cambio cando esta sexa avaliada polos servizos técnicos e administrativos.