A construción do Centro Socio Cultural de Marín, a infraestrutura que permitirá ao noso municipio programar e fomentar a dinamización cultural e que transformará o corazón urbano da vila, comezará esta semana. Desde hoxe, a Policía Local xa vén de colocar as vallas informativas na parcela da Praza de España, conforme non se poderá estacionar na parcela correspondente ás obras a partir das 15.00 horas do mércores, 28 de setembro.
Este arranque do proxecto supón “unha importante nova para o noso municipio, que por fin verá como o Centro Socio Cultural polo que tanto tempo levamos traballando pasa do papel á realidade”, afirman desde o Goberno local, que leva tempo xestionando e coordinando a estratexia de mobilidade a seguir para que as obras non supoñan un problema no tráfico e no estacionamento.
A pedra angular desa estratexia foi a posta en marcha do Proxecto MARES (Marín Estacionamento), que permite aglutinar toda a información dos aparcadoiros públicos gratuitos que o Concello foi conseguindo por todo o centro urbano para aumentar o espazo de estacionamento no municipio.
En total, estamos falando de 850 prazas de estacionamento que se reparten polos 13 aparcadoiros creados a maiores do da Praza de España, cuxas prazas non entran neste conteo.