Trátanse de dúas actuacións que forman parte dun proxecto ambicioso da mellora da mobilidade desde Pontevedra ata Marín, impulsado pola Xunta de Galicia
Dúas das rúas máis céntricas do casco urbano de Marín, o tramo sen humanizar de Concepción Arenal e a Rúa da Ponte, cambiarán a súa fisionomía para que pasear por elas, desfrutalas e poder facer un uso compartido do espazo urbano máis xusto entre o coche e o tránsito peonil sexa unha realidade.
Este proxecto forma parte dunha estratexia de mobilidade sostible máis ambiciosa auspiciada pola Xunta de Galicia, administración que financia os traballos, para fomentar entre Pontevedra e Marín un eixo común no que se favorezan os desprazamentos a pé e en bici.
En total, actuarase en cerca de 2,5 quilómetros de lonxitude, comenzando este luns polo tramo de Concepción Arenal, onde se entroncará coa parte que xa se humanizou no seu día, aplicando solucións similares: “Haberá unha redistribución dos espazos, para dotar de máis amplitude ás beirarrúas, reordenando o espazo de estacionamento, as zonas de carga e descarga e, por suposto, atendendo ao
cen por cen ás esixencias de accesibilidade universal”, explicou a rexedora, María Ramallo.
Así, co novo deseño e cando a execución dos traballos remate, contará cunhas beirarrúas máis amplas, nas que se reforzarán puntos de luz (especialmente nos pasos de peóns) e colocaranse novas xardiñeiras, bancos e papeleiras; e un pavimento renovado para o tráfico rodado. Os colectores manteranse no lado dereito ao longo de todo este tamo para facilitar a carga lateral na recollida.
A inversión que se realizará entre este tramo que empeza e o da Rúa da Ponte, que será a seguinte fase, ascende a máis de 920.000 euros.