O Apalpador en Moaña.

Este ano realizáronse máis actuacións que nunca, sendo precisas incluso varias funcións en cada concello por petición da veciñanza e para evitar aglomeracións de público

O Apalpador viviu un novo éxito de público nas súas visitas aos concellos da
provincia dentro do programa Nadal en Galego organizado polo departamento de
Lingua da Deputación de Pontevedra. Foron máis de 7.000 cativas, cativos e
maiores as e os que puideron gozar da súa música, os monicreques, historias e
pasarrúas nos que se fomentou o “amor ao nadal galego” e se divulgou a
necesidade do coidado da lingua, o medio ambiente ou a alimentación saudable e
os produtos locais.

A deputada de Lingua, María Ortega, sinala que este ano estaban previstas máis
actuacións ca nunca, en 43 concellos, nos que foi preciso ademais realizar varios
pases das actuacións (ata 62 en total) debido á afluencia de público por petición da veciñanza, que participaba tanto de maneira activa nas sesións de contos
musicados ou como espectadora dos pasarrúas. De feito, por motivo da COVID, a
pesares da alta incidencia, só houbo catro municipios que decidiron cancelar, polo
que a nacionalista amosou a súa satisfacción do ben que funcionou a iniciativa, que tivo que estenderse dende o 20 de decembro ata o 4 de xaneiro pola cantidade de funcións previstas.

O propio Apalpador tamén destacou que a viaxe pola provincia foi “un soño, un verdadeiro soño, un agasallo da vida inesquecible” e unha viaxe “ máis interesante e aventureira, a mais fermosa que nunca fixen” polas dificultades da pandemia e tamén polo mal tempo.

Este ano incorporáronse novidades como os agasallos forestais (repartíronse 220 árbores autóctonos como sobreiras, loureiros e érbedos), que fixeron que o proxecto se convertera nunha verdadeira “universidade rodante” divulgando os nomes das pezas, as súas características, as contornas da montaña galega, dos espazos naturais da provincia de Pontevedra: unha aula-escola que promoveu comportamentos de coñecemento e protección dos elementos da natureza,m fomentando a reciclaxe e compostaxe.

Púxose en marcha tamén un proxecto audiovisual con monicreques da man da
compañía de Marín ‘Tarabelos, títeres e contacontos’ e dos creadores audiovisuais e plásticos de Pontevedra, Belén Veleiro e Cris Lores que fixeron nacer unha historia vencellando a Serra do Courel co carballo de Santa Margarida nunha viaxe
dende Folgoso do Courel ate Pontevedra.

Creouse, ademais, ‘A banda da montaña’ transformando a viaxe nun musical de rua introducindo novos sons e composicións musicais co saxo, guitarra, peitoque, gaita, cavaquiño e acordeón diatónico con acordes tradicionais galegos. Nela, ademais do Apalpador (Anxo Moure), participaron Servando Barreiro (músico cunha longa traxectoria, traballos editados e varios recoñecementos e premios); Viridiana Barreiro (estudante de conservatorio e saxo da banda de Bembrive); e Brais Moure: Músico aficionado, monitor de tempo libre titulado e estudante do Ciclo de Educación Ambiental da Granxa en Ponteareas.

As visitas do Apalpador dividíronse este ano de maneira comarcalizada, intentando
facer o maior número de sesións por día en espazos o máis próximos posible co fin de reducir a pegada ecolóxica das emisións do transporte e mitigar o cambio
climático.

No Morrazo

Na Comarca do Morrazo vivíronse momentos moi especiais que chegaron a preto dun milleiro de persoas. En Marín viviuse, segundo o Apalpador probablemente a parada máis fermosa de toda a viaxe, con pasarrúas pola Praza de Abastos e a feira, a colaboración musical cun papa-noel gaiteiro que estaba na rúa, música para os vermús nas terrazas, unha viaxe en tren turístico animando as rúas e os viaxeiros e a colaboración especial de Esteban de Tarabelos co monicreque “Señor Coucho”.

En Bueu, co grande anfitrión Xosé Leal, o Apalpador foi mercar á feira o seu xantar do Nadal, e sorprendeuse cunha figura a tamaño real en madeira que o Concello creara da personaxe na carpa do Nadal. En Cangas –terra moi querida familiarmente polo Apalpador- fixéronse dúas sesións, unha delas dedicada a Maria Soliña. En Moaña, pola súa parte, tivo lugar unha fantástica sesión dentro da carpa e tamén houbo animación na feira de artesanía onde o Apalpador tamén mercou para apoio do comercio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *