Xa pasou algo máis dunha semana desde a asamblea xeral da Mancomunidade do Morrazo na que o BNG, co apoio do PSOE, aprobou a suba brutal da taxa do lixo para 2027 e na que fun expulsada por Leticia Santos, considero que esaxeradamente, e sacada á forza do salón de plenos por varios axentes da Policía Local que simplemente acataron ordes da alcaldesa. E coa perspectiva que dá o tempo e certa frialdade, quero compartir as miñas reflexións con vós.
Houbo moito ruido mediático en torno a este triste episodio, pero a verdade é que non lle dou máis importancia, porque isto non vai de min, nin do PP, nin de Leticia Santos, nin do BNG, isto vai da xente, de todos vós. Vai de todos aqueles, moitos por desgraza, que facedes contas e mirades os petos nos supermercados porque unha vivenda e un coche xa se converteron nun luxo e os soldos cada vez chegan menos, vai de todos aqueles autónomos, comerciantes e hostaleiros que agora, por levantar a verxa para sacar adiante ás vosas familias, non teredes que pagar 200 ou 300 euros pola recollida de lixo, senón taxas que roldan os 1.000 euros ou os superan e vai dos 58.000 morracenses que claro que queredes contribuír aos nosos servizos públicos, pero que non queredes morrer afogados economicamente no intento.
E vai de todos vós, e non de nós, porque nós somos os vosos humildes representantes e iso foi o que fixen na asamblea da Mancomunidade, e o fixen con moito orgullo: representarvos, defendervos e alzar a voz por vós ante un BNG que bunkerizou a sesión, que se meteu no seu castelo e que non quere escoitarvos, malia que creo que 10.000 sinaturas e 3.600 alegacións merecían outro trato e outra atención . E agora chegará abril e veremos aos concelleiros nacionalistas co lema ‘O pobo é quen máis ordena’ nas súas camisolas e redes sociais nun exercicio de cinismo ao que xa nos teñen acostumados.
Tamén quero adiantarvos, a todos os veciños de Moaña, Cangas e Bueu, que non me arrepinto nin un chío e que volvería e volverei a facer o mesmo unha e outra vez, volvería e volverei a protestar, a queixarme e a denunciar as mentiras do BNG sobre esta ordenanza e este taxazo do lixo. Porque non estamos ante unha medida xusta, social e sostible que dixo Leticia Santos. Estamos ante unha medida económica desesperada do BNG, cargando a súa irresponsabilidade nos petos de todos os veciños do Morrazo sen importarlle as consecuencias. Estamos ante un atraco a man armada co que o Bloque só pretende tapar dez anos nos que deixaron ir completamente o servizo de recollida de lixo cunha xestión lamentable ata convertelo no peor da provincia de Pontevedra. E agora pretenden arranxar a súa desfeita cos vosos cartos, pretenden tapar a súa neglixencia co voso esforzo.
E fronte a iso vannos atopar de fronte, aos 22 concelleiros do PP do Morrazo, que temos a man tendida para, entre todos, consensuar unha ordenanza do lixo, pero que non imos retroceder un ápice, por moitas expulsións que haxa, na defensa dos veciños da nosa comarca.
Estela Santomé | Concelleira e presidenta do PP de Moaña.

