O proxecto inclúe a colocación de parterres, que reverdecerán a zona, e a mellora da conexión coa beirarrúa que vai xunta á Escola Naval. A inversión é de máis de 330.000 euros, con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística
Despois de actuar no fondo mariño e recuperar a antiga dársena portuaria como un espazo habilitado para as actividades náutico-deportivas, agora chegou o momento de poñer en valor e urbanizar todo o seu entorno, que actualmente de atopaba totalmente degradado, recuperando a conexión co mar e apostando polo reverdecemento da zona.
Este proxecto, que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística, fi nanciado cos fondos Next Generation, do que se investirán máis de 330.000 euros, permitirá impulsar este entorno e rematar esa unión entre a beirarrúa que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco, que ata agora estaba nunha situación deteriorada, chea de coches e impedindo calquera atractivo ou desfrute por parte da cidadanía.
Polo tanto, estase a urbanizar toda a zona, na que se colocarán ademais varios parterres. O obxectivo, tal e como explicou a alcaldesa, María Ramallo, “é reverdecer esta zona, dotándoa de moito máis verde para conseguir que sexa agradable pasear por ela e que lle dea continuidade ao que estamos facendo noutros puntos desta parcela”.

