O programa de conciliación dispón de prazas libres para as vindeiras quincenas
O colexio de Riomaior acolleu esta mañán a primeira xornada do Vilaverán, programa de conciliación familiar para estas vacacións estivais, que arranca con 49 rapaces e rapazas inscritos nesta primeira quenda, 44 en horario normal e 5 optaron polo ampliado.
A rapazada, que hoxe contou coa visita do alcalde César Poza, e da concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, gozou de actividades lúdico-formativas deseñadas para idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos durante os meses de verán. Nesta edición o Concello presenta importantes novidades para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e profesional e mantén as 400 prazas en quendas de 15 días. Ainda hai prazas dispoñibles para as vindeiras quincenas e os prazos para solicitalas rematan o 10 de xullo, o 24 de xullo e o 10 de agosto para a segunda, terceira e cuarta quincena.
Vilaverán ofrece de novo este ano dúas opcións horarias co obxectivo de adaptarse ás necesidades de cada familia, ampliando o máis extenso desde las 7.30 ata as 15.30 horas e mantendo o ordinario entre as 9 e as 14 horas. Os prezos van ligados tamén ao horario escollido e van desde os 60 aos 40 euros por quincena e con matrícula gratuita para as familias usuarias dos servizos sociais municipais.
Outra das novidades que inclúe o Vilaverán 2025 é a baremación de acceso ao programa dando prioridade aos nenos e nenas empadroadas en Vilaboa, a menores escolarizados nos centros do municipio e fillos de familias que traballen no ámbito municipal co obxectivo de favorecer a conciliación. Tamén terán prioridade as vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais e menores con distintos graos de discapacidade
A actividade, que se desenvolve entre as instalacións do colexio Plurilingüe de Riomaior e a Casa de Cultura, consiste nun campamento de verán dirixido á poboación infantil e xuvenil que permite aos participantes gozar de actividades educativas durante o período estival, todos os días laborais dos meses de xullo e agosto e ofrece ás familias conciliar e ao mesmo tempo formar parte das propostas deseñadas para fomentar a co-responsabilidade. Unha das características deste programa de conciliación é o desenvolvemento de actividades ao aire libre e en contacto coa natureza.