As empresas interesadas terán ata o 3 de setembro para presentar as súas ofertas. A inversión, de máis de 336.000 euros, realízase con cargo a un convenio coa Consellería de Cultura
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou onte que xa está aberta a licitación para dotar ao Auditorio de Marín dun equipamento escénico e técnico de alta calidade, que permita ao edifi cio cultural albergar desde o primeiro momento da súa apertura propostas escénicas de alta calidade e que lle permitan cumprir cos requisitos técnicos esixidos pola Agadic para entrar na Rede de Auditorios de Galicia.
Tal e como explica a rexedora, “temos que equipar o noso Auditorio de tal forma que despois sexa posible ofrecer unha oferta escénica á altura do edifi cio. O proxecto construtivo orixinal incluía a dotación dunha equipación básica, pero precisamos dotarnos de máis material para que a programación vaia acorde co que queremos ofertar en Marín”.
O Auditorio será unha infraestrutura clave para enriquecer a vida cultural, artística e social de Marín, con cerca de 500 butacas distribuídas en dous niveis e cun sistema divisorio que permitirá empregar o espazo segundo as necesidades. A maiores, conta con catro salas polivalentes que tamén suporán un revulsivo e un apoio para a creación cultural local.
“Pero temos que ter en conta que a calidade do son, a iluminación, a proxección visual… e o resto de elementos que entraña unha actividade escénica deben ser de calidade”, indicou Ramallo. Así, a mellora plantexada abarca o son, a iluminación, a cámara negra e outra maquinaria escénica complementaria como un telar ou patas e bambalinas móbiles.
A oferta que presenten as empresas interesadas debe ser un proxecto “chave en man”, no que tanto se garanta o subministro do equipamento, así como o seu transpote, carga e descarga, instalación e posta en servizo.
De feito, deberá incluirse tamén na oferta un plan formativo e de traspaso tecnolóxico por parte da empresa adxudicataria ao persoal designado polo Concello.
O prazo de presentación de ofertas rematará o 3 de setembro (inclusive) e o prazo de execución será de 12 semanas.