Visita esta mañá do delegado territorial coa alcaldesa e o tenente de alcalde ao Museo.

O delegado territorial, Luis López, acompañado pola alcaldesa, María Ramallo, visita o comezo das obras, que estarán rematadas no presente exercicio

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a financiar a mellora integral de servizos e estética do Museo Municipal Manuel Torres de Marín cun investimento de 45.000 euros formalizado a través dun convenio entre ambas administracións.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitaron a pinacoteca esta mañá con motivo do inicio dos traballos, que se desenvolverán ao longo das vindeiras semanas co obxectivo de que as obras estean rematadas no presente exercicio. “O Goberno galego segue co seu compromiso co desenvolvemento da cultura e coas necesidades do Concello de Marín e por iso afrontamos esta necesaria actuación, que mellorará moito a imaxe e funcionalidade deste museo e que dará continuidade ao noso ánimo de colaboración tras investir o pasado ano 40.000 euros para favorecer a accesibilidade coa instalación dun ascensor”, explicou o representante autonómico.

A Xunta, que vai financiar a totalidade da obra, considera que esta modernización do inmoble vai permitir acadar unha maior utilización do mesmo, vai conseguir que se lle dean novos usos, especialmente no ámbito dos novos valores, que se celebren actividades complementarias, que se achegue a pinacoteca á cidadanía e que se potencie a figura do pintor Manuel Torres.

A actuación, que modernizará o edificio despois de tres décadas, consistirá na creación dunha nova identidade gráfica, o pintado xeral do interior, a renovación de servizos eléctricos e a instalación de nova iluminación no salón de actos, o redeseño da fachada exterior e a colocación de nova rotulación, a intervención estética nas escaleiras con vinilo, a dotación de paredes móbiles para crear un espazo polivalente orientado a exposicións, a apertura de ocos de luz natural e ventilación, o forrado da tarima e a instalación dunha traseira de escenario panelada en madeira e a adquisición de novo mobiliario para a sala central.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *