A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais cara a un rego innominado, afluente do río Orxas, no concello de Cangas.
Este foco foi identificado no marco das inspeccións de rastrexo de puntos de vertido inventariados previamente polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, dando seguimento á denuncia anterior dun particular ao servizo de Emerxencias do 112.
As inspeccións efectuadas polo persoal da Xunta no lugar de Piñeiro, na parroquia de San Cibrán de Aldán, permitiron confirmar a existencia de contaminación con orixe nunha filtración na infraestrutura municipal de saneamento, resultado dun atranco na rede. Augas de Galicia comunicoulle á empresa concesionaria do Concello de Cangas esta situación, trasladándolle a necesidade da adopción das medidas necesarias para eliminar este foco.
Recentemente, e a raíz dos requirimentos realizados por Augas de Galicia no marco do expediente incoado, o Concello de Cangas informou da execución das obras de reparación no colector de augas residuais afectado por unha rotura, onde se orixinaba o vertido ao río. Nunha recente visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións levadas a cabo pola empresa concesionaria no colector de saneamento municipal para resolver o atranco permitiron a emenda do vertido.