Hoxe presentáronse algunhas novidades do evento, que terá lugar en abril de 2026
O Museo do Mar de Marín presentou esta mañá as primeiras novidades do III Festival Cine do Mar, unha cita xa consolidada na axenda cultural da vila que volverá celebrarse no mes de abril de 2026. O director do festival, Lucas Santiago, foi o encargado de adiantar as principais liñas desta nova edición, que reforza a súa vinculación co mar e coa comunidade mariñeira.
Entre as novidades máis destacadas atópase a creación dunha nova categoría de cine de fi cción, sempre ligada á temática mariña, que se suma ás seccións xa existentes e amplía o abano creativo do certame. Esta sección terá o galardón Rañorte de Ouro, nomeado en honra a un peixe típico de Marín e que se converterá no símbolo desta edición.
Co obxectivo de non renunciar a actividades no verán, a organización anunciou tamén que no mes de xuño se celebrará unha edición especial de fi n de semana, centrada nunha xuntanza mariñeira de embarcacións tradicionais, reforzando así o carácter divulgativo e patrimonial do evento.
Outra das apostas do festival será a participación dos centros educativos, animando aos colexios a implicarse activamente nas propostas do Cine do Mar, achegando o audiovisual e a cultura mariñeira ás novas xeracións.
Como en edicións anteriores, o festival completarase cunha ampla programación de actividades paralelas, entre as que destacan sesións de showcooking, visitas culturais como a illa de Tambo e outras iniciativas pensadas para todos os públicos.
O III Festival Cine do Mar reafi rma así a súa vocación de ser un espazo de encontro entre cinema, mar e territorio, poñendo en valor a identidade mariñeira de Marín a través da cultura.

