O cine e o audiovisual volven á vila con este festival, que se celebrará nos distintos espazos culturais de Marín e que traerá a nomes tan recoñecidos como a nosa veciña Mayka Braña, a realizadora galega Anita Pico e a actriz Uxía Blanco, que será galardoada co Sombreiro de Honra
O cine, o contido audiovisual e a expresión artística terá a súa data destacada en Marín co festival John Balan Fest, que celebrará a súa segunda edición os días 29, 30 e 31 de agosto, poñendo o colofón a un mes cheo de actividades culturais.
O certame, que cumpre o seu segundo ano, foi presentado na Finca de Briz polo seu director e promotor, así como impulsor do Marín de Cine – Club Audiovisual, Dani Antelo, e pola concelleira Itziar Álvarez. Aínda que ata os próximos días non se desvelrarán as pezas que se seleccionarán este ano, xa que o xurado segue coa súa deliberación, o director adiantou que entre as proxeccións atópanse producións de webserie, curtsa e longametraxes de moi boa caliade e recoñecemento internacional, como por exemplo a serie “Pulp Air”, dirixida pola realizadora galega Anita Pico e na que participa a actriz marinense Mayka Braña, ou o filme “Esto no es Noruega”, dirixido por Alicia Albares e Paco Cavero.
Outro dos platos fortes do festival e polo que se presentou esta edición en Briz será a proxección da película portuguesa “Lobo e Cão”, dirixido pola cineasta portuguesa Cláudia Varejão e que se poderá ver no anfiteatro da finca o venres.
Ao longo dos próximos días, as redes sociais do festival serverán para colgar toda a programación por días e horas, pero Antelo xa destacou algunhas das novidades do evento, como a presenza do mariñeiro e creador de contidos dixitais Rogelio Queiruga ou o peche humorístico, que será a cargo da cómica Arantza Treus. A maiores, dentro do mundo do audiovisual, contarase con Yoel Bassaget, fundador da Webseries World Cup, que xa estivo apoiando a primeira edición.
De feito, coa vista posta na internacionalización do festival, Antelo asegurou que “estamos poñendo o foco en producións de fala portuguesa para fomentar o contacto coas comunidades audiovisuais dos países lusófonos máis achegados a Galicia. Neste sentido, Marín recibirá a visita dos produtores do festival de series web de Río de Xaneiro o Río Web Fest e contará coa presencia de directores e directoras portuguesas que forman parte da selección oficial do JBF”. Ademais, outra das grandes novidades deste edición é que Marín pasará a formar parte do circuito internacional de festivais adicados ás series web, do que xa forma parte desde o ano pasado o Carballo Interplay.
A programación contará tamén cunha parte formativa pensada para os novos creadores, coa organización de varios obradoiros adicados ao proceso creativo dunha produción audiovisual e diversas charlas paticipadas polos convidados estrela.
A actriz Uxía Blanco, o Sombreiro de Honra ás Artes Escénicas e Cinematográficas
Despois de dar o galardón da primeira edición a Manquiña, desta volta o Sombreiro de Honra será para a actriz viguesa, coñecida por todos polo seu papel protagonista no filme “Sempre Sonxa”, de Chano Piñeiro.
A organización considera á actriz viguesa como un dos maiores referentes da sétima arte do país, que vén de participar recentemente no filme “El grito que callas”, tralo seu paso pola política local como Concelleira da cidade olívica. Por outro lado, Antelo quixo agradecer aos membros do xurado, Paula Cabaleiro, Manuel Villanueva, Leandro Silva, Daniel Archangelo e Lola Fernández, o seu traballo e compromiso co festival e coa cultura audiovisual.
Pola súa banda, a concelleira remarcou que desde o Concello “sempre apoiaremos iniciativas coma esta e agradecémoslle a Dani Antelo que decidise emprender un festival así na nosa vila, poñéndoa no mapa do cine e da creación de contido audiovisual”.