O Concello de Moaña festexou hoxe que a rúa Elisa de Peña González, a nova vía que se abriu en Sisalde aos pés dos terreos onde o Sergas levantará o novo centro de saúde, xa está practicamente terminada. Hoxe recepcionaronse as obras pendentes de pechar uns flocos que non están incluídos no proxecto inicial e que o Concello financiará con fondos propios como a colocación dunhas varandas e uns maceteros. Unha vez leven a cabo estes últimos traballos, a rúa abrirase ao tráfico. Con toda seguridade antes do verán. «É un día moi importante e en poucas semanas faremos a inauguración dunha rúa que leva o nome dunha muller, filla adoptiva de Moaña», conmemoraba hoxe a alcaldesa, Leticia Santos, durante a visita á rúa acompañada pola tenente de alcalde, Marta Freire, e polo deputado provincial, Santos Héctor.
Os case 7.000 metros cadrados de solo do polígono 11 do Plan de Urbanismo de
Moaña xa forman parte do núcleo urbano. O deputado de Cooperación destacou que Moaña deseña e constrúe o seu futuro cun espazo destinado a acoller o novo Centro de Saúde, o futuro Auditorio e vivendas de protección pública para a súa ocupación en réxime de alugueiro. A obra, cun custo total de 241.745 euros, foi cofinanciada polo Plan Concellos da Deputación, que sufragou 113.136,76 euros.
O Concello terá a propiedade dos terreos do centro de saúde «en semanas»
Doutra banda, a alcaldesa anunciou en resposta ás preguntas dos xornalistas que «en breve» haberá novidades respecto a os terreos nos que a consellería de Sanidade construirá o novo centro de saúde. Santos indicou que se están atendido «os últimos requirimentos» do Rexistro da Propiedade para que pasen a nome do consistorio e que «en semanas» finalizarán uns trámites que se iniciaron hai xa ano e medio ante a Xerencia Territorial do Catastro. Este sería o último paso antes de que sexan entregados á Xunta para que inicie as obras. Nos últimos meses a Consellería xa os reclamou en varias ocasións aínda que oficialmente o Concello tería de prazo para facelo ata 2024, segundo o convenio asinado entre ambas as administracións en febreiro de 2020.