O seguro obrigatorio, o rexistro na DGT e as normas de circulación centrarán a campaña para que as persoas usuarias saiban como está a regulación actualmente
A Policía Local de Marín porá en marcha durante este mes unha campaña informativa dirixida ás persoas usuarias dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos, co obxectivo de lembrar a normativa vixente e fomentar unha convivencia segura no espazo público.
Desde este momento, os patinetes eléctricos deben contar obrigatoriamente con seguro e estar rexistrados na sede electrónica da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) para poder circular legalmente.
Así mesmo, a Policía Local lembra que estes vehículos non poden circular polas beirarrúas nin por zonas peonís, non está permitido o uso de auriculares durante a condución e só pode circular unha persoa por patinete. Ademais, débense respectar as normas de tráfico vixentes e ao resto de usuarios da vía.
Durante as primeiras semanas, a campaña terá un carácter exclusivamente informativo e pedagóxico. Non obstante, tras este período inicial, comezarán a aplicarse sancións a aquelas persoas que incumpran a normativa.
Desde o Concello de Marín faise un chamamento ao respecto mutuo entre todos os usuarios da vía pública —patinetes, peóns, vehículos, bicicletas— e á importancia de convivir de maneira segura e responsable, garantindo a seguridade e o benestar de toda a veciñanza.

