Reparouse todo o beirado e o desaugadoiro do vaso hidráulico, que estaba composto por pezas de madeira que se atopaban en mal estado
A Piscina Municipal reabrirá o vaso de auga mañá, despois de rematar a obra que
se levou a cabo para mellorar todo o beirado e o desaugadoiro, composto por
unhas pezas de madeira que se atopaban en moi mal estado.
Así o indicaron esta mañá desde o complexo deportivo, que incide en que a partir do día 2 de novembro retomaranse os cursos. De cara aos próximos meses, ampliarase a oferta de actividades ofrecida e tamén haberá ampliación de horarios de apertura. Tamén está enriba da mesa a posibilidade de ofrecer aos centros educativos actividades extraescolares ou deseñar para os centros de día de maiores opcións de adestramento centradas nas necesidades deste grupo de poboación.
Actualización do protocolo de uso de instalacións deportivas
Por outra banda, o Concello actualizou tamén o seu protocolo de uso de instalacións deportivas, seguindo as medidas de restrición que manteñen vixentes as entidades federativas.
Os aforos xa están marcados na súa totalidade ao 100% e será de novo libre o acceso aos adestramentos, aínda que en todo caso dentro do recinto está prohibida a consumición. Por outra parte, recupérase o uso dos vestiarios e das duchas.