Os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín presentaron xunto aos organizadores este evento, que se celebrará na Praza de España e contará con exhibicións, a tradicional ruta das antorchas e concertos
A paixón polas dúas rodas volverá a Marín esta fin de semana coa XVII Concentración Moteira Villa de Marín, organizada polo club Golfiños de Marín e que se desenvolverá dende mañá venres ao domingo nunha carpa instalada na Praza de España.
Os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanamartín presentaron esta mañá o evento xunto aos organizadores, que aseguraron que tanto as exhibicións como a diversión están aseguradas na vila durante os próximos días.
Mañá, venres, abrirán as inscricións ás 18.00 horas e xa ás 21.00 horas comezará o reparto do chouripán. Pola noite, ás 23.00 horas, será o concerto de Four Passengers e dos Dj Rubén Díaz e Toño.
O sábado pola tarde, a partir das 18.00 horas, iniciarase a ruta mototurística polo municipio e ás 20.30 horas, un stunt a cargo de Rui Armada. Despois da cea, chegará a famosa ruta noctura con antorchas, que arrancará ás 00.00 horas e estará seguida da entrega de trofeos e regalos e da sesión de música dos Dj Rubén Díaz e Toño.
Xa o domingo, Rui Armada repetirá exhibición ás 12.00 horas, para finalmente, tras unha sesión vermut, clausurar o evento ás 14.00 horas.
Outras actividades desta fin de semana
Desde este venres, Marín será un fervedoiro de actividade ata ben entrado agosto. Ademais da concentración moteira, hai outras actividades programadas para estes días.
Por unha banda, o deporte será protagonista co Torneo Antonio Suárez do Marín Futsal, que se prolongará durante o venres e o sábado. O venres tamén haberá festa de Fin de Curso da Banda de Música de Marín, ás 18.00 horas, na Alameda, e teatro, coa actuación de “A Lola”, organizada polo Ateneo Santa Cecilia, ás 20.00 horas no salón de actos do IES Illa de Tambo.