Traballadores preparando a decoración de Samaín.

Os operarios da Fundación Juan XXIII xa traballan arreo para crear os famosos tuneis do medo, co que algunhas zonas da finca xa empezan estar pechadas ao público. As portas do Samaín Briz abrirán ás 18.30 horas con moitas sorpresas

A Finca de Briz xa se prepara para pasar de ser o Parque dos Sentidos a ser o Parque do Terror na véspera do Día de Todos os Santos. O 31 de outubro volverá ser un día inesquecible na vila, coa ambientación completa da finca para conmemorar esta Noite de Defuntos nun ambiente de ocio e de espectáculo.

Os operarios da Fundación Juan XXIII xa están traballando arreo na transformación do espazo, creando as estruturas nas que se montarán os túneles do terror, que xa teñen nome: “Hotel Terror Cañeiro”, da Comparsa Os da Caña, e

“O Taller Esquecido”, do Club Deportivo La Peña.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, que fixo hoxe pública a imaxe desta nova edición, foi desvelando algúns detalles da programación: “Como outros anos, contaremos con varias estacións de medo de acceso libre, repartidas por toda a Finca, e que se realizarán a cargo das comparsas Val do Lérez, Cor Café e As Sonecas, así como outros colaboradores”.

A apertura da Finca será ás 18.30 horas e haberá programación e actividades ata ben entrada a madrugada. Sanmartín recorda que as rutas “terán cola e haberá que esperar, pero paga a pena desfrutar dos sustos terroríficos que nos terán preparadas as súas entidades que as organizan”.

A maiores, entre as 19.00 e as 23.00 horas haberá espectáculos na lagoa central da Finca, así como postos de comida e ambientación musical. Para os máis peques da casa e para desfrutar en familia estará habilitada de 18.30 a 22.00 horas a zona do PequeSamaín, con pintacaras, xogos, animación, baile das Zumbis…

O Concello agradece a comprensión polo peche dalgunhas zonas do parque para os labores de montaxe e anima a toda a veciñanza a participar, cos seus mellores disfraces, dunha festa “que nos pon no mapa das festividades de outono de toda Galicia e que estamos encantados de que sexa un auténtico referente”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *