A nova Comisión de Festas, xunto cos concelleiros Marián Sanmartín e Pablo Novas, presentaron a nova edición da festa, para a que se producirán en torno a 2.500 litros de sidra
A Festa da Sidra e da Mazá volverá ser a maior festa gastronómica de Marín esta fin de semana. Os concelleiros Pablo Novas e Marián Sanmartín acompañaron á nova comisión de festas que se fixo cargo da organización da festa, con Julio Riobó á cabeza, que xa no seu día formou parte da posta en marcha do evento.
Na presentación, na que se penduraron as tradicionais mazás no local que ten a asociación no Campo de Fútbol de Santomé, tamén estivo presente o anterior presidente da comisión, Manuel Domingos, así como o presidente honorífico da festa, Manuel Nores.
A programación non dará cabida ao descanso. O venres actuarán ás 22.00 horas os grupos De Canhas e Disco Euphoria. O sábado, ás 10.00 horas abrirán os postos de venda de sidra, mazá, artesanía… e ás 12.00 horas haberá xogos populares. Pola tarde, xa será o momento da XII Carreira Popular Pinga Pinga, con premios para os participantes, e ás 19.00 horas haberá unha xuntanza moteira, para rematar ás 21.00 horas con chocolatada de balde. Ás 22.00 horas xa será o momento da verbena coa Orquesta Foliada de Ases e o DJ Rubén.
O domingo, ás 12.00 horas haberá unha Xuntanza Cabalar e ás 13.00 horas amenizará a sesión vermú a charanga Os Jalácticos. Ás 13.20, lectura do pregón a cargo de Lois González Dopazo e ás 17.00 horas, gimkanas, con carreiras de ponis e burros. E finalmente, ás 21.00 horas, actuación do Trío Tic Tac.