A familia do moañes que o pasado luns foi arroiado en Aldán, á altura da canteira, pide colaboración cidadá para localizar o coche e ao condutor que tras levar por diante ao home deuse á fuga en dirección Bueu. A súa filla, a través das redes sociais, lanza un chamamento por se «alguén puido ver algo ou viu algún coche sen retrovisor e sen parte da defensa», xa que estas partes do vehículo si quedaron na estrada.
«A pouca intelixencia do condutor o conductora fixo que agora mesmo teñamos partes do seu coche que poden darnos nome e apelidos. Tamén se esqueceu de que hai cámaras que o puideron gravar e que por sorte a esas horas non pasan moitos coches por esa estrada», escribiu.
O accidente ocorreu sobre as seis e media desta mañá do luns, xunto ao campo de fútbol do Baía. A Garda Civil traballa para identificar o causante do accidente.