O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López ‘Lugués’ visitou acompañado por membros do grupo municipal do Partido Popular de Cangas a avenida Espírito Santo que foi recentemente asfaltada polo goberno provincial nun tramo unha vez rematados os traballos de renovación da rede municipal de saneamento e abastecemento cuxo firme estaba moi deteriorado debido ás múltiples fugas que presentaba a tubaxe. Así, a líder local da formación, Dolores Hermelo, puxo en valor o cumprimento da palabra dada e lamentou os constantes retrasos desta actuación a causa “da falta de dilixencia” dos actuais responsables municipais.
Na visita, o tamén presidente provincial do partido compartiu coa veciñanza as impresións do resultado dos traballos así como a necesidade de actuar nos seguintes tramos deste vía que presentan aínda afundimentos polo mal estado da rede municipal de saneamento e abastecemento que transcorre por debaixo do firme. Nesta liña, López reiterou o compromiso do Goberno provincial de asumir o pavimentado da estrada unha vez que o Concello execute os correspondentes traballos de renovación da rede. Por iso, desde o grupo municipal demandaron ao Goberno local unhas maior celeridade na elaboracións do proxecto e licitación da obra dos tramos pendentes.
“Cada mes que pasa a estrada presenta un estado de maior deterioro repercutindo negativamente na seguridade de vehículos e viandantes” denunciou Hermelo. “Os feitos demostran que as causas dos sucesivos retrasos na actuación finalizada recentemente foron debidos á falta de xestión e compromiso do actual equipo de goberno” valora. “Exiximos que non se demore máis e se comece a traballar nas fases pendentes e non se continúe con dilacións innecesarias que agraven máis a situación e rematen coa paciencia da veciñanza” engade. Os populares aproveitaron a presenza do presidente provincial para visitar a estrada EP-1002 Madalena-Herbello, en cuxa urbanización o ente provincial vai a investir máis e 1 millóns de euros. “Esta obra xa estaría iniciada se a sra. Gestido e o seu goberno tivera feito os deberes” recordou Hermelo á vez que destacou o compromiso da Deputación de Pontevedra con Cangas traen investimentos e actuacións, “as únicas de certa entidade que se están a facer dado que o actual Goberno local é incapaz de facer nada a pesar de contar cun orzamento récord de 20 millóns de euros” afirmou. “O que se pregunta moita veciñanza é onde os meten” rematou.