Despois dos días grandes do Carme, segue habendo actividade na vila
A actividade cultural e festiva segue na nosa vila. Hoxe, o mellor do movementos, a expresión e a danza contemporánea darase cita en Marín cunha nova edición do Festival ABANEA, un evento que convida a descubrir a danza en todas as súas formas a través dunha programación variada, participativa e pensada para o espazo público.
A xornada comezará pola tarde na contorna da Praia de Portocelo cunha grabación en directo da Canle Abanea, un pódcast que servirá como punto de encontro e refl exión arredor da danza e dos seus protagonistas.
A continuación, celebrarase un obradoiro de danza comunitaria no espazo público, unha actividade aberta que busca implicar ao público nunha experiencia de creación compartida. Para participar, é preciso inscribirse previamente no correo alcaldia@concellodemarin.es. Basearase na disciplina do “happening danza-clown”, que achegará un enfoque lúdico e sorprendente á programación.
Pola noite, a Alameda acollerá o groso das actuacións. A recepción musical comezará ás 20:30 horas, dando paso ás actuacións ás 21:00 horas. Sobre o escenario, poderase gozar do talento de Kiko López, da estrea dunha nova peza de María de Vicente e da proposta de Qabalum, que pecharán o programa artístico antes de dar paso á Pista de Baile Abanea, onde o público poderá moverse libremente e formar parte activa do festival.
No caso de chuvia, todas as actividades serán trasladadas a espazos cubertos: o pódcast emitirase dende o Multiusos Praza de Abastos, o obradoiro celebrarase no Museo Manuel Torres e a programación da Alameda tamén terá lugar no Multiusos.
Festas de Seixo
Pola súa banda, a parroquia de Seixo conta cunha intensa programación para os próximos días. Mañá, ás 22.30 horas, o DJ Rubén porá a todo o mundo a bailar na Nova Praza do Mercado.
O sábado, ás 10.30 horas desputarase o 5º Torneo Tiro de Chave, organizado por Gharaboto, no Campo de Fútbol. Ás 21.00 horas, empezará a programación musical co concerto da Banda de Música de Marín na Nova Praza do Mercado e ás 22.30 horas collerá o relevo a Orquestra La Ola ADN, na Alameda.
O domingo, arrancarase do Torneo de Billarda que organiza a Asociación Gharaboto a partir das 11.00 horas no Campo de Fútbol, e pola noite, a partir das 21.00 horas, Os Saljariteir@s encargaranse de animar a festa na Praza do Mercado, unha actividade organizada por Acemas.