Foto de familia dos Premios.

Os Premios da Crítica de Galicia cumpren xa 48 anos de historia, polo que son os máis lonxevos do panorama galego. O sábado déronse a coñecer os galardóns esta edición, na que estivo presente o Concello de Moaña.

Tres meses tiveron as setenta persoas que formaron o xurado que avaliaron o traballo dos 32 finalistas, tanto individuais como colectivos, que se repartiron en sete categorías. Estes premios teñen por finalidade facer público o recoñecemento que merezan os labores individuais ou colectivos que traballan na creación cultural e na investigación en Galicia.

O ditame deuse a coñecer no Centro Social Afundación, que se encheu de talento para recibir a figura de Sargadelos creada por Díaz Pardo como galardón.

O programa Apego, no que colaboran 32 concellos entre os que se atopa o de Moaña, resultou gañador na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas por unanimidade, na que tamén se encontraban Espazo lectura e Código Cero. O xurado recalcou que Apego é unha iniciativa que neste momento de emerxencia lingüística potencia a inmersión no idioma propio dos núcleos familiares, dotándoos de ferramentas e recursos para a consolidación do proceso de transmisión do galego.

Apego é un programa de normalización lingüística xestionado integramente polos concellos que forman parte del, dirixido ás familias que se están a preparar para a chegada dun novo membro e ás que teñen nenos e nenas ata os 6 anos. Ten por obxectivo fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *