Riobó coa alcaldesa e o concelleiro de Deportes na presentación da carreira.

A alcaldesa, María Ramallo; o concelleiro de Deportes, Antonio Traba e o organizador Víctor Riobó presentaron esta mañá a proba, que terá carreira de 10K, de 5K e unha modalidade de escolares

A fachada litoral da vila de Marín volverá ser protagonista da Carreira Carmiña, nunha terceira edición que volverá sumar deporte, turismo e cultura e que xa é unha data asentada no calendario dos afeccionados ao running.

A alcaldesa, María Ramallo e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, presentaron xunto ao organizador do evento, Víctor Riobó, esta carreira desde o espectacular miradoiro do Paseo Alcalde Blanco, punto de meta e de entrega de premios.

Coas inscricións abertas ata mañá ás 23.59 horas e con case 450 persoas anotadas, a carreira sairá o domingo ás 10.00 horas desde a Praia de Lapamán, pasando por todo o resto de areais do noso municipio até chegar finalmente ao paseo marítimo.

En total, o percorrido terá unha distancia de 10,6 quilómetros aproximadamente e transcurrirá por toda a costa, por riba do mar, con traxectos de terra, asfalto e area de praia, de xeito calculado para facer pasar aos corredores no momento de marea baixa.

A maiores, ás 10.30 horas será a saída da Mini-Carmiña, que constará duns 5,6 km aprox e que terá saída desde Aguete, así como unha modalidade para os máis pequenos, que correrán desde o Paseo a partir das 11.40 horas.

Tal e como indicou Riobó, o obxectivo é atraer ata a nosa vila “a persoas de distintos puntos de España, que veñan correr a Marín e a desfrutar dunha fin de semana en Galicia”.

A alcaldesa quixo animar a todas as persoas amantes do deporte a anotarse a este evento, “que estamos convencidos que será unha cita ineludible para coñecer dun xeito diferente a nosa contorna, a nosa paisaxe”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *