Ao pavimentar de novo os viais, repintarase a sinalización horizontal, reordenando o estacionamento de tal forma que se poidan crear itinerarios seguros nas portas das casas e para todas aquelas persoas que transitan cara a zona do Sequelo ou do Centro de Saúde
As obras de pavimentación da Barriada da Virxe do Carme avanzan a bo ritmo, tal e como puideron comprobar nunha visita técnica a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, que estiveron acompañadas do xefe da Policía Local e os técnicos municipais e da empresa adxudicataria.
Aproveitando esta obra, o Concello realizará unha importante mellora da seguridade viaria, xa que se crearán sendas peonís no entorno das vivendas, redistribuíndo o estacionamento e evitando que se xeren situacións de risco como as actuais, nas que as portas das casas ou ben están invadidas por coches aparcados, dificultando a visión para quen sae, ou caen directamente nun viario no que hai tráfico rodado.
Estas sendas crearanse a través da sinalización horizontal, aproveitando que é preciso facer todo o repintado. Marcaranse para delimitar o espazo reservado únicamente aos peóns e separándoo do tráfico rodado, tendo en conta que esta zona residencial ten unha enorme afluencia de persoas que camiñan.
De feito, tal e como se comentou tamén na visita de obra, ademáis da propia veciñanza que vive na Barriada, hai numerosos desprazamentos a pé para acceder a puntos de atracción de poboación tan importantes como o Centro de Saúde, o CEIP Sequelo, o pavillón e as hortas urbanas… Polo que é imprescindible mellorar a mobilidade e a seguridade, creando itinerarios seguros.