Xa está instalada toda a tubaxe da rede e no que resta de mes procederase á repavimentación
A obra de ampliación da rede de abastecemento en Bexe, coa que se dotará deste servizo esencial a 35 vivendas deste lugar de Seixo, está preto da súa finalización. Segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, xa está practicamente colocada toda a tubaxe que conforma a nova rede.
“Agora, nos próximos días, realizarase a proba de presión e despois iniciarase a reposición do pavimento. Ademais, executarase unha cuneta nun dos viais, que estaba moi deteriorada e que por iso é preciso facela de novo”, explicou o edil. Novas lembra á veciñanza que se beneficiará da nova rede de que desde xa poden solicitar a conexión ao abastecemento, a través do Rexistro do Concello.
“Estamos moi satisfeitos de ter levado a cabo esta obra, porque é unha actuación moi importante que os veciños levaban tempo demandando, xa que sobre todo no verán tiñan problemas cos seus abastecementos privados. Deste xeito, poñemos fin á problemática”, acabou Novas.
A inversión realizada da actuación é de 126.000 euros, con cargo ao Remanente de Tesourería.