El conselleiro con el director del 061 y el alcalde accidental en el interior de la ambulancia.

Entre o 1 de abril de 2025 e o 31 de xullo de 2025, os meses que rexistraron maior actividade foron os de xuño, con 48 servizos, e xullo con 47

A ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) de enfermería con base en Moaña prestou asistencia sanitaria a 171 persoas en 180 servizos desde a súa incorporación, o pasado 1 de abril, á rede de transporte sanitario urxente de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A incorporación da ambulancia de SVA de enfermería no concello de Moaña mellorou a calidade asistencial ás urxencias e ás emerxencias a través da atención presencial a pacientes que necesitan coidados de soporte vital avanzado. Este recurso permite realizar traslados de pacientes e garante a prestación dos tratamentos axeitados durante o traxecto, sen necesidade de mobilizar os equipos de
atención primaria.

Nestes catro primeiros meses de actividade prestouse asistencia sanitaria sen que fora necesario o traslado dos pacientes a un centro sanitario en 13 servizos. Tamén neste período, realizáronse 77 traslados a Povisa; 46 ao Hospital Álvaro Cunqueiro, seis ao Hospital Montecelo, catro a Fátima e un ao Sanatorio Domínguez-Quirón.

Ademais, en 25 ocasións os pacientes foron trasladados ata un centro de atención primaria e en catro servizos o desprazamento da ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería foi anulado antes da chegada ao punto. No período comprendido entre o 1 de abril e o 31 de xullo de 2025, os meses que rexistraron maior actividade foron os de xuño, con 48 servizos; xullo, con 47; seguidos de maio, con 45 e abril con 40 servizos.

As localizacións nas que este recurso prestou asistencia sanitaria, principalmente, foron no concello de Moaña con 92 mobilizacións, Cangas do Morrazo con 71, Redondela con 6 e Vigo ata onde este recurso sanitario desprazouse en tres ocasións. Ata os concellos de Vilaboa, Soutomaior e Bueu desprazouse en dúas ocasións, e nos concellos de Marín e Pazos de Borbén prestouse asistencia sanitaria nunha ocasión.

Tipoloxía das emerxencias atendidas.

Respecto á tipoloxía das principais emerxencias atendidas, entre o 1 de abril e o 31 de xullo, o 20 % dos servizos foron solicitados por facultativos de atención primaria; o 18 % foron asistencias por alteración da conciencia; outro 14 % por mareos; o 12 % debéronse a caídas e o 7 % por dificultade respiratoria e outro 7 % por dor.

Desde o ano 2019 as ambulancias de soporte vital avanzado de enfermería están presentes nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo co obxectivo de optimizar a prestación asistencial ás urxencias e ás emerxencias sanitarias nestas áreas. Esta ambulancia de SVA con base en Moaña, xunto coa ambulancia con base en Lalín, son os únicos recursos de soporte vital avanzado de enfermería situados fóra do ámbito das cidades galegas.

Todas as ambulancias de soporte vital avanzado da rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061, sexan medicalizadas ou de enfermería, son vehículos cuxo equipamento e dotación permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.

A asistencia sanitaria realizada polo persoal sanitario do 061, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real, desde a Central de Coordinación, por médicos especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *