‘Los días ajenos de Bob Pop’, ‘Amantis’ ou ‘Voces que no ves’ son algunhas das propostas desta edición no que o ‘Premio Mulleres en Acción’ será para Tanxugueiras. Dende mañá as entradas estarán á venda na web
Nun auditorio recentemente bautizado co nome de Xosé Manuel Pazos Varela presentouse esta mañá a 39 edición da Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas ( MITCFC), un acto ao que nunca faltaba o exalcalde e no que hoxe estivo tamén presente, doutra forma, acollendo a unha representación da cultura da comarca. Entre o 24 de xuño e o 9 de xullo Cangas acollerá teatro, danza, coloquios, presentacións, performance e exposicións, todo arredor das artes escénicas e do humor. En total, serán 26 espectáculos que veciños e visitantes poderán desfrutar neste auditorio e tamén nas rúas, prazas e outros lugares habilitados da vila sen restricións pola Covid-19.
Durante estes 16 días a 39 Mostra terá 4 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 3 coproducións, representando case o 73% dos espectáculos que se poderán ver no Auditorio e no Pavillón de Romarigo e máis do 40% das obras de rúa. Entre as estreas absolutas atopanse ’Paxaros no cabo’ (Pistacatro), un espectáculo de circo contemporáneo e danza vertical concibido para ser representado en polideportivos; ‘Histriónica’, da actriz e dramaturga Mónica Sueiro; ‘Somos circo’, da compañía galega Desastronauts; e unha peza da Escola de Teatro de Cangas (‘Días entre lusco e fusco’). Destas catro estreas mundiais, dúas son coproducións da Mostra: ‘Paxaros no cabo’ e ‘Histriónica’. A outra coprodución é ‘Amantis’, unha obra dirixida por Tamara Canosa que reflexiona sobre as relacións interpersoais entre os nativos dixitais e as xeracións que creceron máis desconectadas de internet.
Ademais destas estreas absolutas, a XXXIX MITCFC ten programadas 9 estreas en Galicia, tres delas de compañías internacionais: ‘Surprise’ (Pepe’s Show – Chile), Ameba Teatre co espectáculo de rúa ‘Cataplum’ (Arxentina– Valencia) e ‘Makers’, Premio Nacional de Teatro en Suíza. Entre as outras estreas galegas atópase ‘Los días ajenos de Bob Pop’, un monólogo no que o comunicador Bob Pop narra as súas propias experiencias, nun espectáculo baseado nun libro seu do mesmo título. Outra das estreas galegas é ‘Pas de deux’, que xuntará no escenario do Auditorio de Cangas ao Premio Nacional de Danza Chevi Muraday e a Miss Beige, personaxe creado pola performer e actriz Ana Esmith. O espectáculo reúne danza e performance nunha convivencia artística con música de Tchaikovsky.
‘Ave osos’, outro dos espectáculos que chega a Galicia da man da Mostra, é unha obra onde os personaxes, unha parella de ‘osos’ aos que unha pomba lles revela que van ser pais, debaten sobre un novo modelo de sociedade e outros modos de vivir o amor e a familia. A 39 MITCFC pecharase o 9 de xullo con ‘Voces que no ves’, coa pallasa de referencia internacional Pepa Plana que presenta unha versión feminina do mundo do circo. Esta nova edición ratifica un ano máis o compromiso da Mostra coa paridade entre homes e mulleres en toda a programación. Ademais, aposta por un teatro inclusivo e diverso, reflectindo as realidades, inquedanzas, preocupacións e intereses do movemento feminista, do colectivo LGTBI, ou das xeracións máis novas.
A Mostra arrancará o 24 de xuño cunha serie de actos dedicados a Lino Braxe, actor, director de teatro e escritor galego finado en decembro de 2020. O hall do Auditorio acollerá a exposición ‘Poeta nas ondas’, unha mostra que nos descubrirá a súa faceta como pintor recompilando algunhas das súas pinturas e poemas visuais. A continuación, haberá un acto poético musical na súa honra. A obra que se representará ese día no Auditorio tamén levará o seu selo. Trátase do espectáculo ‘Eurovisión (O Fake show)’, o último texto teatral escrito por Lino Braxe. Ese mesmo día terá lugar tamén no Auditorio o pregón inaugural, que correrá a cargo da actriz, autora, educadora e tamén directora teatral Clara Gayo.
PREMIO ‘XIRIA’ Á CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
O Premio ‘Xiria ao Labor Teatral’ desta 39 edición da Mostra será para a Casa Museo Manuel María. A organización da MITCFC outórgalle este recoñecemento pola creación do Certame de Proxectos Teatrais para Compañías Profesionais, un “excepcional proxecto” que, ademais de promover a produción da obra dramática de Manuel María e contar cunha dotación económica, realiza un complexo labor de pre e postprodución que garante ao proxecto gañador a súa distribución nos moitísimos concellos de Galicia que colaboran co certame. Este premio será entregado o sábado 9 de xullo no Auditorio.
TANXUGUEIRAS, PREMIO MULLERES EN ACCIÓN
Outros dos premios relevantes da MITCFC é o ‘Premio Mulleres en Acción’. Este ano, este importante recoñecemento será para ‘Tanxugueiras’. A organización da Mostra outórgalles este premio ás súas integrantes, Sabela Maneiro, Olaia Tarrío e Olaia Maneiro, “polo impacto social da súa música e do seu discurso, abertamente feminista, que pon en valor e recoñece ás cantareiras e pandeireteiras, artífices do canto tradicional galego, sempre ligado ás raices e ás mulleres do rural, que transmitiron e legaron un patrimonio cultural coa voz e a pandeireta”.
O trío de pandeireteiras recibirán o premio o 5 de xullo no Auditorio, onde se destacará “o seu compromiso coa linguaxe inclusiva, coa sororidade e coa reinterpretación das coplas populares con perspectiva de xénero”.
CARTEL DE ‘LE PETIT PATITO’
O cartel desta 39 edición da Mostra foi deseñado pola ilustradora Laura Pato, máis coñecida no ámbito artístico como ‘Le Petit Patito’. Nada en Ourense en 1988 e afincada na Coruña, a artista -arquitecta de formación académica- usa o debuxo como ferramenta de expresión e triunfa en Instagram con 55 mil seguidores sendo xa unha referencia no mundo da ilustración.
ABONOS PARA AS OBRAS DO AUDITORIO E PAVILLÓN DO ROMARIGO
Mazá 20 de maio saen á venda os abonos para asistir ás funcións que serán representadas no Auditorio e no Pavillón do Romarigo. O importe do abono é de 70€, o que supón unha rebaixa de 10€ con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual (8€ cada unha).
A Mostra conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia, da Deputación e as concellerías de Cultura e Igualdade do Concello de Cangas.