A inversión prevista para a execución do proxecto é superior aos 5 millóns de euros
O reordenamento do espazo público de Marín, a humanización de rúas, o obxectivo de crear unha vila máis cómoda para os peóns e as melloras na mobilidade teñen aparellada a necesidade de tomar medidas que regulen o tráfico rodado e o estacionamento de vehículos en vías públicas.
Por iso, o Goberno local leva anos traballando en ofrecer alternativas de estacionamento coas que Marín poida asumir a importante carga de turismos que transitan polas nosas vías e que precisan estacionar no centro urbano. Nesta procura de espazos, entran as dúas medidas xa en marcha do Proxecto MARES (Marín Estacionamento): a habilitación de aparcadoiros públicos gratuítos en distintos puntos do centro urbano (actualmente hay 12 e síguense buscando novas parcelas) e a posta en marcha da Zona 2H nas rúas con maior rotación de turismos.
Agora, o Concello segue avanzando no terceiro piar desta estratexia de reordenación e dotación de prazas para a veciñanza: a construción dun aparcadoiro subterráneo no Parque Eguren. Os concelleiros de Urbanismo, Manuel Santos, e de Tráfico e Mobilidade, Francisco Salazar, estiveron esta semana analizando o estudo de viabilidade económico-financeira para a creación desta infraestrutura, “que consideramos vital para Marín e que mellorará sustancialmente o estacionamento, ao ofrecer unha alternativa que ata o momento non existe no municipio”, explican os edís.
Este estudo de viabilidade é un trámite preciso antes de iniciar o futuro proceso de licitación. Segundo se recolle no documento, a explotación do servizo do aparcadoiro realizaríase a través dunha concesión, calculada para unha duración de 40 anos.
Despois de realizar todas as análises técnicas pertinentes, proxéctase que o aparcadoiro teña dúas prantas. A primeira delas, con entrada e saída da Rúa Concepción Arenal, e con 104 prazas. A segunda, estaría conectada á superior cunha rampa e nela ubicaríanse 114 prazas, polo que en total, a capacidade do aparcadoiro sería de 218 prazas, estando 7 delas reservadas para usuarios con mobilidade reducida.
Aínda que o estudo de demanda que se realizou previamente xustificaría a creación dun aparcadoiro de maiores dimensións, o informe xeotécnico declina esta posibilidade, debido aos problemas construtivos que se poderían dar nese terreo no caso de facer unha pranta máis.
Ese estudo demanda, no que se avaliaron as necesidades e costumes da poboación marinense, evidencia que existe un interese xeral pola creación deste aparcadoiro, especialmente de cara a poder alugar unha praza ou poder beneficiarse de bonos cos que deixar o vehículo estacionado.
Desde o Concello, aseguran que “seguiremos avanzando neste proxecto, para poder iniciar o proceso burocrático de cara á adxudicación das obras e así poder dotar a Marín dun servizo básico, que mellorará a nosa mobilidade e o estacionamento”. A inversión prevista para este aparcadoiro é de 5.388.704,28
euros.