A vía, cunha lonxitude dun quilómetro, pasará a contar cunha senda para camiñar e dúas plataformas sobreelevadas, con preferencia peonil, nas zonas de maior presión residencial
As máquinas comezaron a traballar na estrada provincial EP-1005, que une O Viso e O Hío, no concello de Cangas. Nun prazo estimado de seis meses, a estrada que canaliza boa parte do tráfico que se dirixe ás praias do Morrazo quedará transformada nun itinerario seguro para as persoas que se desprazan a pé ao longo dun eixe de comunicacións cunha grande densidade de edificacións residenciais. As obras están adxudicadas cun importe de 930.753 euros dos que a Deputación achega o 80% e o Concello o 20% restante, ao incluír actuacións de urbanización e servizos municipais.
Os deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e de Cooperación, Santos Héctor, visitaron a zona, acompañados da alcaldesa, Victoria Portas, onde comprobaron as primeiras actuacións dunha obra que era unha demanda histórica de Cangas e que, de acordo coas previsións de execución do departamento técnico provincial, quedará rematada en torno ao próximo verán.
O proxecto foi presentado pola Deputación no ano 2018 e deu paso a conversas co Concello de Cangas, que se ocupou da consecución dos terreos nun marco de diálogo coa veciñanza e consenso social para facer posible unha mellora que levaba demandándose durante moitos anos. Deste xeito, as 42 parcelas afectadas (case 2.000 metros cadrados) puxéronse a disposición da Deputación.
Un quilómetro
A actuación ten unha lonxitude total dun quilómetro. A partir da mellora da intersección coa estrada comarcal autonómica, deséñase unha senda peonil continua e créanse dúas plataformas únicas de convivencia con prioridade peonil, novo firme e sinalización, sistemas de calmado de tráfico con pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade. Todo elo reforzado cunha nova rede de iluminación eficiente a través da instalación de 43 farois con puntos led.
A nova senda discorrerá pola marxe dereita, cun ancho mínimo de 2,5 metros de ancho. As zonas sobreelevadas situaranse nos dous estreitamentos da estrada, onde a presencia das vivendas impide gañar anchura, e totalizarán 65 metros e 180 metros, respectivamente, de lonxitude. Ademais, amplíase a plataforma de toda a vía, aproveitando as cesións de terreos, para dar cabida á nova senda e renovar por completo a sinalización horizontal e vertical. Finalmente, prevese a construción de novas cunetas de borde e novas redes de drenaxe das augas pluviais e de servizos como a electricidade, telecomunicacións e abastecemento.
A nova estrada provincial EP-1005 seguirá o modelo de mobilidade segura que a Deputación está a implantar na rede provincial de estradas, dando prioridade ás persoas que camiñan ou con mobilidade reducida, en segundo lugar ás que circulan en bicicleta e, a continuación, aos vehículos de transporte público e os de transporte privado. O obxectivo é transformar as vías de comunicación en espazos seguros, equitativos e que fomenten a mobilidade universal.
A Deputación leva investidos en Cangas preto de 12 millóns de euros dende o ano 2015, cando se produciu o relevo político no goberno provincial. O departamento provincial de Infraestruturas xa acometeu obras na estrada Cangas-Coiro Magdalena, Vilariño-O Hío, O Hío-Vilanova e o acceso á praia de Nerga. A aposta pola seguridade viaria materializouse coa construción de 33 elementos redutores de velocidade nas estradas provinciais e outros 19 pasos de peóns sobreelevados dentro do plan provincial “Móvese”.