O pleno deu luz verde ao inicio do expediente de contratación. As empresas terá de prazo ata o 6 de abril
O Concello de Marín vén de abrir a licitación para a construción do novo Centro Socio Cultural, despois de que onte fose aprobado por unanimidade no Pleno da Corporación o inicio do expediente de contratación do proxecto, co novo orzamento adaptado ao 2022.
Todas as empresas interesadas en concurrir á licitación poderán facelo cumprindo cos requisitos recollidos nos pregos de condicións técnicas e administrativas, tamén aprobados onte pola Corporación, que se poden consultar na Plataforma de Contratación do Estado, e que recollen unha partida orzamentaria final de 5.385.229,45 euros.
Esta financiación repártese, ademais da parte que ten que aportar o Concello de fondos propios, entre a partida do Marín Dusi (estratexia cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea) e a Xunta de Galicia.
Crearase un auditorio con capacidade para 550 butacadas e un escenario de cerca de 220 metros cadrados. O proxecto plantexa un edificio integrado na contorna, especial pola súa cercanía á fachada marítima, e cheo de modernidade, que mudará completamente a imaxe urbana do centro de Marín. O prazo para presentar ofertas, que despois serán avaliadas pola Mesa de Contratación, remata o 6 de abril (data incluída). Deben presentarse vía sede electrónica.
Aberta tamén a licitación para a limpeza de praias
Por outra banda, e seguindo coas contratacións a nivel municipal, vén de abrirse a licitación para a contratación do servizos de limpeza de praias, de cara á época estival. Tal e como se pode ler nos pregos, este servizo terá un orzamento de 115.802,13 euros (IVE incluído) e adxudicarase por dous anos á empresa que presente a oferta máis vantaxosa.
Os servizos a efectuar inclúen fundamentalmente os traballos de limpeza con medios manuais ou mecánicos e a recollida de residuos no ámbito territorial obxecto deste contrato, incluídas papeleiras nas entradas e accesos, así como transporte aos colectores de recollida de residuos sólidos urbanos situados na vía de praias.
O prazo neste caso para a presentación de ofertas rematará o 28 de marzo. Despois, serán valoradas pola Mesa de Contratación.