A voceira local cuestiona que, mentres á veciñanza se lle esixen unha serie de requisitos de seguridade para facer obras, él opte por saltarse esas normas por fardar
“Temos ao alcalde desatado, con tal necesidade de protagonismo que é capaz de saltarse toda a normativa vixente de seguridade por unha simple foto”. Con estas palabras referíase a voceira local, Elena Estévez, ao novo “show” protagonizado polo alcalde da vila, Félix Juncal, quen nos pasados días subiu ao tellado en obras do Pavillón Municipal Pablo Herbello para posar para os medios. Así, Estévez cuestionou que “a persoa que preside un concello, entidade que debe de velar por que se garanta a seguridade en numerosas actuacións (concertos, festas etc.), decida situarse por riba da lei para intentar facerse máis autobombo”.
“É lamentable que as persoas que teñen a obriga de respectar a lei e dar exemplo no seu cumprimento a vulneren por simple afán de protagonismo”, afirmou. Dese xeito, a voceira preguntouse se “a empresa adxudicataria das obras deu o seu visto bo a unha visita do alcalde saltándose as medidas de seguridade”, así como “quen sería responsable no caso de que, no transcurso desas infraccións, ocorrese algo”. “Que clase de imaxe se pretende trasladar se o que ve a veciñanza é que mentres en calquera obra nunha casa teñen que cumprir todo tipo de medidas, Félix Juncal pode non cumprir ningunha por unha foto? De verdade que lle ten tan pouco respecto á veciñanza despois de tantos anos?”, cuestionou.
Xa que logo, Estévez animou o alcalde “a deixar de actuar como faría un neno pequeno”, porque, aos seus ollos, “é unha actitude que coñecemos moi ben, vista xa a cantidade de multas que recibiu o Concello polas irresponsabilidades de Juncal e do equipo de goberno, tanto mentindo ás administracións –como no caso da pista do Xistro– como ignorando os trámites aos que obriga a lei –beirarrúas do Polígono Industrial, lavadoiro da Banda do Río, ocupación de parcelas sen permiso etc.–. “As normas, aínda que a Juncal non lle gusten, son iguais para todos e el é o primeiro que debe dar exemplo e cumprilas”, concluíu.